Monforte presenta o seu programa de actividades para conmemorar o 25-N

RibeiraSacraXa
Baixo o lema “Monforte en negro contra as violencias”, a campaña prolongarase ata o 4 de decembro cunha decena de actividades
presentacion-25-n-monforte
14 Nov 2025

O Concello de Monforte deu a coñecer este venres o programa de actos deseñado para o 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, presentaron a campaña de sensibilización “Monforte en negro contra as violencias”, que se prolongará ata o 4 de decembro.

Durante a presentación, López subliñou que “a violencia machista non pode ter cabida na nosa sociedade nin na democracia que queremos consolidar”, e insistiu na necesidade de implicación cidadá: “Erradicar a violencia de xénero e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obriga que precisa do compromiso de todas e todos os cidadáns, todos os días do ano”. A concelleira tamén advertiu que “o machismo mata” e reclamou unha resposta conxunta da sociedade monfortina fronte ás violencias contra as mulleres.

A campaña inclúe accións de visibilización, como pancartas na Casa do Concello e no Centro Cívico, ademais dun vinilo no bus urbano. Os actos centrais celebraranse o martes 25 na Praza do Concello, cunha concentración ás 12.00 horas e a lectura do manifesto, a cargo de Margarita López Rodríguez. A continuación, terá lugar a performance “Semprevivas”, dirixida por Francisca Abeledo, unha homenaxe ás vítimas e unha chamada á repulsa social fronte ás agresións.

A programación incorpora tamén actividades educativas. Entre o 10 e o 21 de novembro impártese o obradoiro “Machismo Game Over”, destinado ao alumnado de 6º de Primaria, mentres que os días 24, 26, 27 e 28 será a quenda de “Desmontando a violencia machista. Pensa. Cuestiona. Responde”, dirixido a estudantes de 4º da ESO. Ambos propoñen espazos de reflexión sobre roles de xénero, desigualdades e discursos violentos presentes en redes sociais, produtos culturais e interaccións cotiás.

Tamén se ofrece un curso gratuíto de defensa persoal feminina no Centro Cívico os días 20 e 27, impartido por Juan José Martínez mediante o “Método Mais”, con prazas limitadas e inscrición previa no CIM.

A programación cultural conta cun contacontos musical para público familiar, “Cambia o conto”, o domingo 23 na Casa da Cultura. O teatro tamén estará presente no Edificio Multiusos con “Insubmisa” o 27 de novembro e “Helen Keller, a muller marabilla?” o 4 de decembro, ambas dentro da Rede de Teatros e Auditorios.

Tanto Gloria Prada como Margarita López chamaron á participación cidadá na concentración do 25-N e no conxunto das actividades, ao considerar que “a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.

⚙ Configurar cookies
0.072789907455444