Monforte presenta o programa teatral do primeiro semestre de 2025

RibeiraSacraXa
As representacións teatrais desenvolveranse dende o 30 de xaneiro ata o 11 de maio
reforma-teito-edificio-multiusos-monforte
Multiusos de Monforte
21 Jan 2025

A Concellería de Cultura do Concello de Monforte vén de pechar a programación de teatro da Rede Galega de Teatros e Auditorios-AGADIC para o primeiro semestre do ano 2025. As representacións teatrais desenvolveranse dende o 30 de xaneiro ó 11 de maio.

O programa completo do Auditorio de Monforte para este primeiro semestre está conformada por un total de 8 postas en escena destinadas na súa maioría ó público adulto, con 6 representacións. Tamén se ten en conta o público infantil que terá a súa propia oferta cultural, con 2 obras programadas en marzo e maio.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas “a participar na programación de teatro do Concello de Monforte para o primeiro semestre deste ano 2025, dentro da aposta decidida que este goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego”.

FUNCIÓNS DO 30 DE XANEIRO AO 30 DE MAIO

A programación iniciarase o xoves 30 de xaneiro coa obra As gardiás, espectáculo para público adulto, a cargo do  grupo Ningures Produción.  No mes de febreiro, a compañía De Ste Xeito Produción traerá a escena a peza Neura, tamén para público adulto.

Pola súa conta, Culturactiva representará As Alumnas o xoves 13 de marzo, para público adulto, e Galeatro Producións Escénicas, actuará o xoves 27 de marzo para pór en escena Arte sen guión. Berrobambán, interpretará a obra Mulleres que viven soas, que se representará o 10 de abril.

O Centro Dramático Galego pechará o ciclo deste primeiro semestre de 2025 dirixido a público adulto coa obra que leva por título Manuela Rey Is In Da House, o xoves 15 de maio.

O público infantil contará con dúas representacións: o domingo 16 de marzo, a da compañía Magín Blanco, coa obra A nena e o grilo camiño das cores. E o domingo 11 de maio, Redrum Teatro representará Os contos de Lobicán.

Todas as obras mencionadas poñeranse en escena no Auditorio do Edificio Multiusos do Concello de Monforte, en horario de tarde, ás 20.15 horas as representacións de teatro adulto, e ás 18.00 horas as dirixidas a público infantil.

Como todos os anos, o Concello mantén o prezo habitual das entradas, sendo a entrada xeral dun importe de 5 euros, e haberá entradas bonificadas para nenos, estudantes, desempregados e xubilados cun importe de 3 euros. O alcalde pon en valor o “compromiso que mantén o Concello de Monforte de brindarlle á veciñanza unha oferta cultural de calidade coa difusión de espectáculos variados e para todos os públicos entre os que se atopa a programación teatral para este primeiro semestre de 2025”.

0.1865611076355