Monforte presenta o anteproxecto para desdobrar a rúa Cardenal entre a rotonda do Hórreo e o corredor

O Concello de Monforte presenta o anteproxecto para ampliar e desdobrar a rúa Chantada entre a rotonda do Hórreo e o corredor, unha iniciativa que, segundo o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ten como obxectivo “mellorar un dos principais accesos da cidade”.
O Concello xa remitira a memoria á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, responsable desta vía. A proposta contempla transformar o tramo urbano final da rúa Chantada nunha vía de catro carrís (dous por sentido) con aparcamentos en liña ou batería segundo o caso, beirarrúas en ambos os lados e árbores ao longo de todo o percorrido, buscando reforzar a seguridade vial e humanizar a zona.
O orzamento total da obra supera os 2,5 millóns de euros, e inclúe actuacións previas, instalacións de saneamento e alumeado, peches de parcelas, mobiliario urbano e axardinamento ao longo do trazado. A duración estimada das obras é de seis meses desde a adxudicación e sinatura da acta de replanteo.
O alcalde, José Tomé, destacou a importancia desta vía, que canaliza os principais accesos a Monforte, asegurando que “o óptimo neste caso é unha vía con dobre calzada, aparcamentos e beirarrúas. Confiamos, polo tanto, en que a Consellería de Infraestruturas atenda esta demanda e tome as medidas necesarias para que Monforte conte cun acceso adecuado nesta estrada autonómica”.
A vía, lembra Tomé, “é de titularidade autonómica e canaliza os principais accesos á cidade, conectando con O Saviñao, Chantada, Lalín, Santiago e zonas de Ourense e Ponferrada a través da circunvalación oeste, ademais do corredor CG 2.2 que enlaza Monforte con Lugo e coa autovía A-6 desde Nadela”. Ademais, dá servizo a instalacións como o CEIP A Gándara, o cemiterio municipal, varios tanatorios, áreas empresariais, a Cooperativa Lemos, o hospital e grandes superficies comerciais como Gadis, Lidl ou Mercadona.
Sobre o deseño, o alcalde detallou que “o obxectivo é converter esta rúa nunha vía de dobre calzada con catro carrís, dous por sentido, con aparcamentos en liña ou batería segundo o tramo, beirarrúas en ambos os lados e árbores nas marxes, reforzando a seguridade vial e humanizando o seu percorrido”. A calzada ampliarase pasando dos dous carrís actuais a catro, con dúas calzadas de sete metros cada unha separadas por unha mediana dun metro. Crearase zonas de estacionamento e beirarrúas peonís en ambos os lados.
Ademais, as dúas rotondas existentes serán ampliadas para situarse centradas co eixo da vía, aumentando o seu diámetro exterior a 32 metros e o interior a 11 metros. Tamén se prevé a plantación de tileiros nas beirarrúas e a instalación dun novo alumeado público con luminarias LED en columnas de dez metros, máis adaptadas ás características da nova vía.
Para levar a cabo a ampliación, que abrangue un tramo de 1.400 metros, será necesaria a expropiación e demolición dalgúns peches de parcelas e dunha edificación en planta baixa situada no trazado actual da beirarrúa. “Como sempre facemos, unha vez realizadas as obras, construiranse novos peches e accesos nas parcelas afectadas”, indica o alcalde.
“Trátase dunha actuación necesaria, baseada no estado actual da rúa e na intensidade do tráfico diario de vehículos e peóns. O óptimo é unha vía con dobre calzada, aparcamentos e beirarrúas”, destaca Tomé, que confía en que a Consellería de Infraestruturas “atienda esta demanda e dea os pasos necesarios para que Monforte dispoña dun acceso adecuado nesta estrada autonómica”.