Monforte organiza unha programación teatral
Deuse a coñecer a programación teatral que se traerá a Monforte de Lemos: oito representacións teatrais que se desenvolverán durante o último trimestre do ano 2021, entre os meses de outubro e decembro.
Rede de Teatros de Auditorios
Catro destas representacións teatrais forman parte do circuíto da Rede de Teatros de Auditorios, no que colaboran o Concello de Monforte de Lemos e a Xunta de Galicia. En concreto as catro representacións en Monforte de Lemos dentro do circuíto da Rede de Teatros e Auditorios no último trimestre de 2021 serán as seguintes: o 7 de outubro, La Quintana porá en escena a obra O Premio; o 21 de outubro será a quenda de Teatro Do Noroeste, que porá en escena a obra As Virxes Salvaxes e en novembro, o día 4, achegarase a Monforte a compañía Elefante Elegante que representará a obra Dreaming Juliet.
O ciclo destas catro representacións finaliza o 2 de decembro coa posta en escena da obra Insubmisión a cargo da compañía Teatro do Andamio.
As catro representacións do último trimestre de 2021 da Rede Galega de Teatros e auditorios serán os días sinalados ás 20.15 no Edificio Multiusos. A entrada ten un custo de 5 euros e para estudantes, desempregados e xubilados de 3 euros.
Ciclo de Teatro Afeccionado e o Circuíto de Teatro Profesional
O Concello de Monforte de Lemos tamén participa noutros dous circuítos teatrais nesta ocasión coa Deputación de Lugo -Cultura Vicepresidencia: o Ciclo de Teatro Afeccionado e o Circuíto de Teatro Profesional.
Dentro do Ciclo de Teatro Afeccionado, o 12 de decembro ás 18 horas na Casa da Cultura Lois Pereiro o grupo Alentía Teatro representará A Escada dos Contos, representación con entrada gratuíta dirixida a un público infantil e familiar.
Dentro do Ciclo de Teatro Profesional o grupo Teatro Marionetas Trécola representará o 28 de decembro ás 18 no Edificio Multiusos a obra A Saga de Flin Havardr. Esta representación dirixida a un público infantil e familiar tamén será de entrada gratuíta.
Dúas representacións teatrais máis
Fóra dos tres circuítos sinalados en que o Concello de Monforte participa, en colaboración coa Xunta de Galicia no caso da Rede Galega de Teatros e de Auditorios e en colaboración coa Deputación de Lugo nos casos do Ciclo de Teatro Afeccionado e do Ciclo de Teatro Profesional, o concello monfortino programa outras dúas representacións teatrais para o cuarto trimestre de 2021.
A primeira delas achegará á cidade monfortina ao Centro Dramático Galego que representará a obra O Charco de Ulises o xoves 18 de novembro ás 20.15 no edificio Multiusos. A entrada para asistir a esta representación terá un custo de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
A segunda será o xoves 25 de novembro na Casa da Cultura Lois Pereiro. Nesta ocasión Avelino González porá en escena a obra A todo risco con entrada gratuíta. Esta representación está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Monforte de Lemos en colaboración coa Fundación Vicente Risco.
A entrada ás oito representacións teatrais ás que se fixo referencia será limitada debido á covid19 polo que haberá que adaptarse á normativa sanitaria en cada momento.