Monforte lanza o vídeo oficial da XXII Feira Medieval

O Concello de Monforte iniciou a promoción da XXII edición da Feira Medieval co lanzamento do seu vídeo oficial, a un mes da celebración do evento, que terá lugar os días 4 e 5 de abril, coincidindo co sábado e domingo de Semana Santa.
O alcalde, José Tomé Roca, destacou que a Feira Medieval “é un referente no calendario festivo dos monfortinos e monfortinas e tamén de moitas persoas que nos visitan e repiten cada ano”. Segundo o rexidor, a campaña promocional desta edición “será intensa, co obxectivo de presentar esta feira como unha opción de ocio e turismo na Semana Santa”.
Tomé sinalou ademais que a Feira Medieval constitúe “un dos principais reclamos turísticos da Semana Santa no noso contorno e un importante dinamizador da economía local, capaz de atraer a milleiros de visitantes non só a Monforte, senón a toda a Ribeira Sacra”. O alcalde lembrou que o evento segue á espera da declaración de Feira de Interese Turístico Galego por parte da Xunta de Galicia, un recoñecemento solicitado tras a celebración da vixésima edición e que, segundo Tomé, “é xustiza conceder, dada a singularidade cultural, a calidade da programación e a capacidade de atraer visitantes”.
O vídeo oficial, cunha duración de 1 minuto e 43 segundos, ofrece un percorrido pola edición de 2025, amosando os momentos máis destacados da programación: desde os espectáculos de cetrería e as xustas ata a subida ao conxunto monumental de San Vicente e a solta de farois. A peza busca transmitir a esencia da Feira Medieval e a experiencia de “regresar á Idade Media” no corazón da Ribeira Sacra.
A proposta audiovisual estará dispoñible nas redes sociais e na web do Concello de Monforte, ademais de proxectarse no MUPI da rúa Cardenal. Durante a celebración do evento, poderase ver unha versión estendida nas pantallas instaladas na Praza de España e no conxunto de San Vicente.