Monforte inicia este xoves o ciclo anual de teatro no Multiusos coa función ‘O proceso’

A obra “O proceso”, da compañía Malasombra, abrirá este xoves, 29 de xaneiro, o ciclo anual de teatro que organizo polo Concello de Monforte a través da Concellería de Cultura.
O espectáculo, dirixido ao público adulto, forma parte do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios e arrancará ás 20:15 horas.
Trátase dun sainete cómico escrito e dirixido por Cándido Pazó e protagonizado por Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal, que rememora uns feitos históricos acaecidos no ano 1880, cando o escritor Manuel Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro “Aires da miña terra”, un dos piares do Rexurdimento galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado ‘lawfare’, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade...) que seguen vixentes na actualidade.