Monforte inicia as obras de renovación do firme nas rúas Santa Clara e Lagares

O Concello de Monforte vén de poñer en marcha novas actuacións para mellorar o estado das súas rúas céntricas. O alcalde, José Tomé Roca, visitou na mañá deste mércores, 1 de abril, os traballos de renovación do firme nas rúas Lagares e Santa Clara, onde as máquinas estiveron operativas durante toda a xornada para deixar rematado o asfaltado. Ambas intervencións foron adxudicadas mediante concurso á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A., cun investimento conxunto de 51.753,25 euros.
Os traballos comezaron na rúa Santa Clara, que presentaba un pavimento bastante deteriorado polo uso continuado e o paso do tempo. Nesta vía, de 220 metros de lonxitude e cun ancho medio de 6,10 metros, levouse a cabo un fresado integral antes de aplicar unha nova capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor. Nos vindeiros días completarase a actuación co pintado da sinalización horizontal. O orzamento destinado a esta intervención ascende a 25.542,22 euros.
Pola súa banda, na rúa Lagares, cun investimento de 26.211,03 euros, realizouse unha actuación similar para mellorar un firme que tamén presentaba signos evidentes de desgaste. A intervención abrangue igualmente 220 metros de lonxitude, cun ancho medio de 5,97 metros, e incluíu o fresado da superficie e a posterior extensión dunha nova capa de rodadura. Está previsto que nas próximas datas se leve a cabo o pintado de marcas viais, símbolos e cebreados.
O rexedor destacou a importancia destas actuacións e lembrou que “coa adxudicación destes novos proxectos continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende 2015, e que suporá unha moi significativa mellora nestas rúas do Concello”.