Monforte iluminará a Torre da Homenaxe de verde polo Día Mundial das Enfermidades Raras

O Concello de Monforte súmase este sábado, 28 de febreiro, aos actos conmemorativos do Día Mundial das Enfermidades Raras iluminando de verde a Torre da Homenaxe.
Con esta acción simbólica, o Concello quere amosar o seu apoio ás persoas que conviven con algunha destas patoloxías e contribuír á visibilización destas enfermidades, que afectan a tres millóns de persoas en España. As enfermidades raras caracterízanse por ter unha prevalencia inferior a cinco casos por cada dez mil habitantes.
A iniciativa enmárcase na campaña impulsada pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, na que diversos edificios e monumentos da comunidade se iluminarán de verde para dar visibilidade ao colectivo e chamar a atención sobre os retos que afrontan estes pacientes e as súas familias: prevención, diagnóstico, medicamentos, terapias, atención social e interdisciplinar, educación e emprego.