Monforte finaliza os traballos do novo Ximnasio Municipal e completa renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela

O Concello de Monforte anuncia o remate dos traballos do novo Ximnasio Municipal, que entrará en funcionamento o vindeiro luns, 2 de marzo, mantendo o mesmo horario que a Piscina Municipal.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou este xoves as novas instalacións acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán, así como polo técnico municipal de Deportes, Óscar Rodríguez.
Segundo destacou o rexedor, coa posta en funcionamento deste servizo complétase a renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela, unha remodelación que se iniciou en 2023 coa reforma integral do Pavillón Polideportivo e continuou coa nova Piscina Municipal, inaugurada en outubro de 2025. “Con estas actuacións, que xuntas supuxeron unha inversión de 6 millóns de euros, Monforte pode presumir agora dun complexo deportivo único, eficiente e moderno”, subliñou o alcalde.
O Concello completou os traballos de subministro e montaxe do novo equipamento deportivo, adxudicado á empresa Jonhson Health Technologies SL por un importe de 106.791,98 euros. A dotación ampliouse coa instalación de espellos na zona de peso libre, pequeno material funxible de adestramento e un reloxo dixital, cun custo adicional de 7.253 euros, repartido en espellos na zona de peso libre por 4.939 euros, pequeno material funxible de adestramento por 1.861 euros e reloxo dixital por 452 euros, elevando a inversión total a 114.000 euros.
O novo Ximnasio conta cunha superficie útil de 300 m², situada na zona sur da edificación, distribuída en cinco zonas de adestramento e cunha ampla cristaleira con vistas ao exterior, deseñada para facer máis agradable a práctica deportiva.
Na zona cardiovascular, os usuarios dispoñen de cinco cintas, tres elípticas, seis bicicletas verticais e unha bicicleta horizontal, todas orientadas cara á cristaleira. Na zona de máquinas de musculación selectorizadas, pódese traballar con prensa de pernas horizontal, extensión de cuádriceps, femoral sentado, máquina dual contractora de pectoral e espalda alta, press de peito, press de ombreiro, pull de espalda, curl de bíceps, extensión de tríceps, multicadeira e multiestación de poleas con catro estacións, permitindo seleccionar o peso a través da pila de pesos dispoñible en cada máquina.
Pola súua banda, a zona de peso libre inclúe press banca plano, press superior, press de ombreiro, multipower, banco Scott para bíceps, catro bancos regulables e halteras de diferentes pesos, mentres que a zona de adestramento funcional está composta por tres módulos que incorporan dúas poleas regulables en altura, tres barras de dominadas multiagarre e anclaxes estáticos a diferentes alturas para realizar multitude de exercicios, complementándose con balóns funcionais, kettlebells de diferentes pesos, gomas elásticas de varias resistencias, fitballs, bosu e TRX. Finalmente, a zona de estiramentos está dotada con dezasete colchonetas para facilitar a práctica de exercicios de flexibilidade e relaxación.
O Ximnasio Municipal manterá o mesmo horario de apertura que a Piscina Municipal. Deste xeito, abrirá de luns a venres de 7:30 a 14:00 horas e de 15:00 a 23:00 horas, os sábados de 10:00 a 14:00 horas, e domingos e festivos de 10:30 a 14:30 horas.
Como novidade, contará cun monitor encargado de velar polo bo funcionamento da sala e de asesorar aos usuarios sobre o uso dos diferentes equipos. Este monitor estará presente de luns a venres en horarios concretos: luns de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 21:00 horas, martes de 9:00 a 10:00, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, mércores de 10:00 a 12:00 e de 17:00 a 21:00 horas, xoves de 9:00 a 12:30 e de 17:00 a 21:00 horas, e venres de 10:00 a 11:00, de 12:00 a 13:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
Ademais, o alcalde anunciou que o Concello está a preparar a documentación e os estudos necesarios para redactar as bases que regularán a xestión da cafetería que dará servizo a todo o complexo deportivo, “co fin de licitar o contrato nos próximos días e resolver o concurso o antes posible para que todos os usuarios poidan utilizalo”.