Monforte estrea unha nova mostra pictórica
Monforte abriu no día de onte unha nova mostra pictórica no espazo expositivo da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Trátase da exposición Paxaros do Concello de Monforte de Lemos do debuxante maiorquín Eugenio García, que permanecerá aberta para todos os públicos ata o luns 26 de xullo. A mostra está composta por 24 láminas de paxaros que habitan na contorna da comarca de Lemos.
Eugenio García é un debuxante da natureza procedente de Mallorca e dende hai anos residente en Monforte de Lemos. Logo da observación e o estudo durante anos das aves do Concello de Monforte e comprobando a súa gran variedade xurdíulle a idea de debuxar as máis representativas.
Con estes 24 debuxos sobre os paxaros de Monforte o autor tenta achegar as aves ás persoas para que observen de preto a súa beleza e sexan apreciadas un pouco máis.
O autor leva máis de vinte anos debuxando paxaros empregando a técnica do "gouache" unha especie de acuarela, obtendo debuxos moi realistas para que o observador poida apreciar a beleza das aves.
Colaborou en publicacións e participou en diferentes exposicións sobre ornitoloxía. No 2019 impartiu unha charla no Colexio Novo de Monforte sobre o Martín Peixeiro no río Cabe, con fotos e debuxos para explicar os costumes deste paxaro.
A idea do Eugenio García é facer medrar a afección á ornitoloxía, unha actividade saudable e reconfortable.
A exposición permanecerá aberta na sala de exposicións da Casa da Cultura de Monforte ata o día 26 de xullo, e poderá ser visitada en días laborables, de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas, con entrada gratuíta para todos os públicos.