Monforte estrea o renovado Ximnasio Municipal de A Pinguela cunha gran acollida entre a veciñanza

O Concello de Monforte de Lemos puxo en funcionamento o novo Ximnasio Municipal do Complexo Deportivo de A Pinguela, unha instalación que abriu as súas portas o pasado 2 de marzo e que xa está a recibir unha resposta moi positiva por parte da veciñanza. O alcalde, José Tomé Roca, destacou a boa acollida que está a ter este servizo, subliñando que os primeiros usuarios e usuarias valoran especialmente a calidade das máquinas, o material dispoñible e a mellora das instalacións.
A renovación do ximnasio incluíu a adquisición e montaxe de equipamento deportivo completamente novo, un contrato adxudicado á empresa Johnson Health Technologies por un importe superior aos 106.000 euros. Ademais, o Concello completou a dotación con espellos na área de peso libre, material de adestramento e un reloxo dixital, actuacións que elevaron o investimento total ata preto de 114.000 euros.
Segundo explicou o rexedor, a apertura desta instalación culmina o proceso de modernización das infraestruturas deportivas municipais iniciado en 2023 coa reforma do pavillón polideportivo e que continuou coa construción da nova piscina municipal, inaugurada en outubro de 2025. En conxunto, estas actuacións supuxeron un investimento de arredor de seis millóns de euros, permitindo dotar á cidade dun complexo deportivo máis moderno, eficiente e adaptado ás necesidades actuais.
O novo ximnasio ocupa unha superficie aproximada de 300 metros cadrados e distribúese en cinco áreas diferenciadas para facilitar distintos tipos de adestramento. Entre elas destaca unha zona cardiovascular equipada con cintas de correr, bicicletas e elípticas orientadas cara unha ampla cristaleira exterior; unha área de musculación con máquinas selectorizadas; unha zona de peso libre con bancos e halteras; un espazo destinado ao adestramento funcional con diverso material deportivo; e unha área reservada para estiramentos con colchonetas.
Outra das novidades do servizo é a presenza dun monitor encargado de supervisar o funcionamento da sala e asesorar ás persoas usuarias no uso das máquinas ou na realización dos exercicios. Este profesional estará dispoñible de luns a venres en diferentes franxas horarias.
En canto ao horario de apertura, o ximnasio manterá o mesmo que a piscina municipal. Así, permanecerá aberto de luns a venres entre as 7:30 e as 14:00 horas e de 15:00 a 23:00 horas; os sábados de 10:00 a 14:00 horas; e os domingos e festivos de 10:30 a 14:30 horas.