Monforte destinará 12.000 euros en subvencións a entidades e asociacións sen ánimo de lucro

RibeiraSacraXa
O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o 2 de xullo
Goberno-local-Concello-de-Monforte
Gloria Prada e José Tomé
7 Jun 2025

O Equipo de Goberno do Concello de Monforte aprobou a convocatoria anual de subvencións a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que desenvolvan actuacións no ámbito dos servizos sociais no Concello de Monforte durante o exercicio 2025.

“Con estas axudas”, sinala o alcalde, José Tomé Roca, “dende o Goberno municipal queremos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables”.

Esta liña de axudas, posta en marcha polo Concello de Monforte, busca fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ao seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2025 ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada subvención. Do mesmo xeito, como regra xeral, o importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 75% do seu orzamento.
Unha vez publicada esta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, o 3 de xuño de 2025, o prazo de solicitude para estas axudas será de 20 días hábiles, polo que o prazo estará aberto ata o 2 de xullo de 2025.
A solicitude e a documentación requiridas poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica do mesmo ou en calquera das formas previstas no artigo 14.2 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

As entidades que poderán optar a ser beneficiarias destas subvencións de carácter social serán aquelas que realicen actividades ou desenvolvan proxectos de interese social para o municipio de Monforte de Lemos.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Quedan excluídas da presente convocatoria as entidades e asociacións de carácter exclusivamente cultural, veciñal, xuvenís, deportivas, ANPAS e profesionais.

Son obxecto de subvención o desenvolvemento de actividades e proxectos de carácter social que teñan como destinatarias últimas calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias dos servizos sociais, primando aqueles colectivos de persoas que, por razón de índole económica, de saúde ou concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais, sufran especiais dificultades respecto da xeneralidade da poboación e precisen dunha atención específica para garantir o acceso a calidade de vida e participación social.
As entidades interesadas deberán presentar as solicitudes de acordo cos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro Xeral do Concello de Monforte de Lemos, nos servizos sociais comunitarios ou na web municipal.

A adxudicación das subvencións farase en concorrencia competitiva, tendo en conta os principios de igualdade, transparencia, non discriminación e obxectividade, e as puntuacións alcanzadas serán as que determinen as subvencións obxecto de concesión.

⚙ Configurar cookies
0.1778130531311