Monforte destina 6.000 euros a fomentar a contratación do alumnado do Obradoiro de Emprego da Pinguela

RibeiraSacraXa
As axudas, de 1.500 euros cada unha, están dirixidas a empresas que contraten a estes alumnos durante polo menos tres meses a xornada completa
Obradoiro de Emprego da Pinguela
Obradoiro de Emprego da Pinguela
9 Aug 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou que xa están dispoñibles as axudas para a contratación dos alumnos dos módulos de carpintería e albanelaría do Obradoiro Dual de Emprego “Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela II”. A convocatoria foi publicada o pasado 5 de agosto no Boletín Oficial da Provincia (BOP), e as empresas interesadas teñen ata o 27 de agosto para presentar as súas solicitudes.

O Concello destina un total de 6.000 euros para financiar catro contratos co obxectivo de incentivar a contratación por parte das empresas dos mozos e mozas que rematarán a súa formación o próximo 1 de setembro de 2025. As axudas, de 1.500 euros cada unha, están dirixidas a empresas que contraten a estes alumnos durante polo menos tres meses a xornada completa. Os contratos deberán comezar, en xeral, nos quince días seguintes á finalización do obradoiro.

O alcalde José Tomé destacou que esta iniciativa forma parte das políticas sociais e económicas do equipo de goberno municipal para fomentar a creación de emprego e facilitar a incorporación ao mercado laboral dos alumnos que recibiron unha formación de nove meses en carpintería e albanelaría.

Poderán optar a estas axudas entidades de calquera forma xurídica, incluídas persoas autónomas, sociedades civís e comunidades de bens, sempre que a súa actividade estea relacionada coa formación impartida no obradoiro e que contraten traballadores para prestar servizos en centros de traballo situados en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.63993215560913