Monforte coordina o dispositivo de seguridade para as Festas Patronais de 2025

RibeiraSacraXa
A reunión estivo presidida polo alcalde, José Tomé Roca, e pola subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez
xunta-seguridade-festas-patronis-monforte
Xunta de seguridade das Festas Patronais de Monforte de 2025
31 Jul 2025

O Concello de Monforte acolleu este mércores a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade, centrada na coordinación do operativo para as Festas Patronais, que se celebrarán do 11 ao 16 de agosto. O encontro, que tivo lugar na Sala de Xuntas do Concello, estivo co-presidido polo alcalde, José Tomé Roca, e pola subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez, e contou coa presenza de representantes dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Durante a xuntanza, o alcalde trasladou as necesidades do municipio en materia de seguridade para estas festas, nas que se prevé unha alta afluencia de persoas, especialmente durante os concertos. José Tomé destacou o resultado positivo da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”.
A subdelegada do Goberno confirmou que “haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos monfortinos, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte”. Tamén fixeron un chamamento á colaboración cidadá para que a época festiva transcorra con normalidade.

No marco da reunión, abordouse a planificación dun dispositivo coordinado entre a Policía Nacional e a Policía Local para garantir a orde pública e dar resposta rápida ante calquera incidente. A Garda Civil colaborará na periferia da cidade e nos accesos, realizando controis de velocidade, alcoholemia e detección de substancias.

Tamén se contará coa Policía Autonómica, que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas máis concorridas. Ademais, o Consorcio de Bombeiros prestará apoio os días dos fogos artificiais, e haberá servizo permanente de ambulancia nas zonas de maior concentración de xente.

Por outra banda, instalarase novamente a Caravana Morada, un punto de información e apoio especializado contra a violencia machista e os delitos de odio, situado nas inmediacións do Parque dos Condes.

O alcalde tamén aproveitou a xuntanza para tratar a seguridade noutros eventos previstos para os vindeiros meses, como a chegada da Vuelta Ciclista a España o 9 de setembro, as Festas de San Mateo ou o acto de Xubileo 2025 o 10 de agosto.

Finalmente, Isabel Rodríguez compartiu unha análise da situación da seguridade cidadá no municipio, cun balance de 2024 que reflicte un lixeiro aumento da delincuencia, especialmente nos delitos contra as persoas, a liberdade sexual e o patrimonio.

⚙ Configurar cookies
0.17735004425049