Monforte convoca unha nova edición do concurso de axudas para a confección de traxes medievais

RibeiraSacraXa
A iniciativa está dotada con 3.600 euros e beneficiará a un máximo de 60 participantes que non recibisen esta axuda nos últimos tres anos
premios-feira-medieval-monforte
29 Jan 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a convocatoria da duodécima edición do Concurso de axudas para a confección de traxes medievais, que se desenvolverá do 2 ao 13 de febreiro coa colaboración das emisoras locais Onda Cero Monforte, Radio Principal Monforte Cadena Ser e Radio Monforte. Esta iniciativa, dotada con 3.600 euros, ten como obxectivo “aumentar a participación da veciñanza nos diferentes actos da Feira Medieval e animarlles a formar parte activa desta celebración coa confección dos seus traxes”, segundo destacou o rexedor.

Para participar, os interesados deberán chamar a algunha das emisoras durante o espazo dedicado á programación local, de luns a venres, e responder correctamente a unha pregunta relacionada con Monforte formulada en antena polo locutor ou locutora. O concurso está limitado a un máximo de 60 participantes que non recibiron esta axuda nos últimos tres anos. Cada radio outorgará ata 20 vales de 60 euros a quen acerten a pregunta.

Os premios serán publicados o 16 de febreiro, e os gañadores deberán formalizar a súa solicitude no Rexistro Municipal entre o 20 e o 27 de febreiro para recibir a subvención. O importe deberá destinarse á confección dun traxe medieval que se lucirá na Feira Medieval, que este ano se celebrará os días 4 e 5 de abril, coincidindo coa fin de semana de Semana Santa.

Os beneficiarios terán que xustificar a súa participación presentándose co seu traxe na Oficina de Información da Feira, situada na Praza de España. Posteriormente, entre o 6 e o 15 de abril, deberán entregar no Concello a factura que xustifique o gasto realizado en algún dos establecementos colaboradores, que son Retales Merce, Coser Cosiendo, Tempo de Teas, Mercería Oz, Teresa Lamela Costura e Gnomos.

É importante sinalar que os traxes confeccionados con estas axudas non poderán participar no Concurso de Traxes Medievais organizado polo Concello.

O alcalde lembrou que a Feira Medieval alcanzou a súa vixésima edición en 2024 e que xa está en trámite a solicitude para que sexa declarada Feira de Interese Turístico Galego, á espera da resolución por parte da Xunta de Galicia.

Para calquera consulta, os interesados poden dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Monforte, situada en Campo de Santo Antonio, ou chamar ao teléfono 982 402 501.

⚙ Configurar cookies
0.076112031936646