Monforte convoca o XXI Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2026

O Concello de Monforte de Lemos convoca unha nova edición do seu concurso de carteis co que se elixirá a imaxe das Festas Patronais 2026, dotado cun premio de 1.000 euros, iniciando así os preparativos para as celebracións deste ano.
“Dende o Concello animamos a todos os artistas a participar nesta convocatoria, co obxectivo de acadar un bo cartel, con calidade técnica e artística, para as nosas Festas Patronais”, sinalou o alcalde, José Tomé Roca, na presentación deste certame co que o Concello busca seleccionar un deseño creativo e con impacto visual “que anime a todo o mundo a achegarse no mes de agosto a nosa cidade a desfrutar das nosas festas, ensalzando así un evento que é moi importante para a nosa sociedade e para os nosos sectores económicos”.
As bases xa están dispoñibles na páxina web do Concello e o prazo para presentar os traballos permanecerá aberto ata o 5 de maio de 2026. Poderán participar obras orixinais e inéditas, con técnica e formato libres, sempre que permitan a súa reprodución en cuatricromía. O deseño deberá incluír o texto “Monforte de Lemos Festas Patronais do 11 ao 16 de agosto 2026”, e a entrega de propostas poderá realizarse no rexistro municipal, de forma presencial ou por correo.
O concurso contempla un único premio, que será o cartel oficial e a portada do programa das festas. Así mesmo, o Concello prevé organizar unha exposición cunha selección dos traballos presentados na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. O fallo do xurado darase a coñecer o 11 de maio de 2026.