Monforte consolídase como destino turístico responsable e accesible

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Director da Sede Galicia de AENOR, José Enrique Rodríguez Coello, informou este luns de que o Concello de Monforte de Lemos vén de obter a certificación da Marca Q de Calidade Turística, outorgada polo Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), que é o distintivo de calidade do sector turístico de España. “Esta certificación obtivémola en 5 espazos turísticos do noso concello, o único Concello que obtén 5 Q de Calidade xuntas, o que demostra que, algo estamos facendo ben”.
A obtención desta certificación, que se logrou tras unha rigorosa auditoría, a cargo da empresa independente Aenor, que certificou o compromiso coa calidade na xestión dos servizos, sinónimo de prestixio, de excelencia e de rigor.
Deste xeito, auditáronse 5 espazos turísticos do Concello de Monforte, que acadaron esta certificación da Marca Q de Calidade Turística: a Oficina de municipal de Turismo, o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, a Oficina municipal de Atención ó Peregrino do Camiño de Inverno, o Miradoiro do Duque e a Torre da Homenaxe de San Vicente.
Estes espazos superaron con éxito os esixentes criterios de calidade establecidos polo ICTE, que avalían aspectos como a atención ao cliente, a accesibilidade, a seguridade, a sustentabilidade e a calidade dos servizos ofrecidos aos turistas. “Con esta certificación, o Concello de Monforte de Lemos, reafirma o seu compromiso co turismo de calidade e a mellora continua da experiencia dos nosos turistas”, salientou José Tomé, quen engadiu que “a Marca Q é un símbolo de confianza e excelencia que posiciona ó noso municipio como un destino turístico de referencia dentro do panorama nacional. Este recoñecemento non só pon en valor os espazos certificados, senón tamén o esforzo conxunto do persoal e as institucións locais para ofrecer un servizo de calidade que satisfaga as expectativas dos turistas”.
Coa obtención da Marca Q, o Concello de Monforte de Lemos, reforza o seu compromiso coa promoción do turismo responsable e sostible, contribuíndo ó desenvolvemento económico da cidade e ó benestar dos cidadáns.
“Este recoñecemento é un paso máis na nosa estratexia de seguir consolidando a Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, como un destino turístico de calidade e excelencia para os nosos visitantes. Queremos seguir ofrecendo a quen nos visita un servizo impecable e unha experiencia única. Esta importante distinción recoñece o compromiso do noso Concello coa excelencia e a mellora continua na atención ao visitante e a oferta turística local, e tamén case comarcal” subliñou o alcalde.
Tamén manifestou José Tomé que “fai poucas semanas, vimos con satisfacción como os medios de comunicación recollían a concesión de 1 Q de Calidade a Sober, pois ben, non menos importantes son as 5 Q de Calidade para o Concello de Monforte”. Esta actuación conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.