Monforte conmemorou o Día da Muller Rural cun curso para fomentar a inserción laboral das maiores de 45 anos

Un total de 14 mulleres participaron estes días no programa formativo “Habilidades e competencias para o emprego: adestra as túas competencias para encontrar emprego”, impulsado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), con motivo da celebración do Día da Muller Rural, o 15 de outubro.
O curso, de carácter gratuíto, desenvolveuse os días 15, 16 e 17 de outubro no salón de actos do Centro Cívico e Social, enmarcada no programa ALICIA – Activando la Igualdad, que o Concello organiza en colaboración coa Fundación Mujeres, co obxectivo de mellorar a inserción laboral das mulleres.
Nesta edición, a formación estivo dirixida a mulleres desempregadas ou en busca de mellora laboral, mozas sen experiencia profesional, maiores de 45 anos, integrantes de familias monoparentais e residentes no ámbito rural. O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, subliñou que o obxectivo deste tipo de accións “é ofrecer ás mulleres os coñecementos e ferramentas necesarias para desenvolverse mellor no mercado de traballo”.
Durante as tres xornadas, as participantes traballaron contidos prácticos sobre procura de emprego, elaboración de currículos e cartas de presentación, preparación de entrevistas, uso de internet e desenvolvemento de competencias sociais e emocionais. Ademais, abordáronse aspectos como a comunicación efectiva, a definición de metas profesionais e a creación de redes de contacto, co propósito de mellorar a súa empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral.