Monforte investiu máis de 146.000 euros en fomentar o emprego autónomo entre 2017 e 2024

RibeiraSacraXa
En total, beneficiáronse destas axudas 112 persoas, das cales 69 foron mulleres e 43 homes
casa-concello-monforte
Concello de Monforte
26 Jan 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de dar conta das axudas concedidas polo Equipo de Goberno para contribuír á creación de emprego de autónomos e autónomas, a cargo de monfortinos e de monfortinas.

En concreto, no período comprendido entre os anos 2017 a 2024, ambos incluídos, o executivo de José Tomé destinou 146.028,16 euros destinados á promoción do emprego entre os colectivos citados.

“Dende o Equipo de Goberno, consideramos que estamos ante un investimento moi importante porque estamos destinando ano a ano partidas moi significativas para a creación de postos de traballo en Monforte, porque ademais hai que ter en conta que o fomento do emprefo non é unha competencia municipal”, salientou o alcalde.

José Tomé subliñou que “para nós é fundamental a creación de emprego, que grazas a estas axudas destinadas dende o Concello xeráronse postos de traballo e creáronse empresas en distintas zonas da nosa cidade, que neste caso foron constituídas por monfortinos e monfortinas. Sen dúbida, é unha forma de consolidar a nosa economía, de xerar riqueza e de fixar poboación no noso Concello, e serve para dinamizar o tecido produtivo en diferentes zonas da cidade”.

Evolución das axudas por anos

  • 2017: O Concello destinou un total de 25.000 euros, dos cales o 60,65% foi concedido a mulleres.
  • 2018: Concedéronse axudas por 25.000 euros, dos cales o 80,90% foi destinado a mulleres.
  • 2019: As axudas alcanzaron un total de 9.583,95 euros, e o 40% delas foron outorgadas a mulleres.
  • 2020: Concedéronse 10.260,14 euros, cun 36,54% destinado a mulleres.
  • 2021: O Executivo superou os 24.000 euros, dos cales o 75,53% foi destinado a mulleres.
  • 2022: Foi o ano co maior importe concedido, alcanzando os 26.233,43 euros, cun 79,16% destinado a mulleres.
  • 2023: Outorgáronse axudas por un total de 14.814,08 euros, dos cales o 57% foi destinado a mulleres.
  • 2024: Concedéronse axudas por un total de 11.003,11 euros, cun 67,08% destinado a mulleres.

En total, ao longo do período 2017-2024, beneficiáronse destes 146.028,16 euros concedidos polo Concello un total de 112 persoas, das cales foron 69 mulleres, ás que se destinou un total de 97.705,63 euros, e 43 homes, cun total de 48.322,53 euros en axudas.

0.162269115448