Monforte comeza a organizar o Festival do Viño da Ribeira Sacra 2026

O Concello de Monforte vén de dar os primeiros pasos na organización do Festival do Viño da Ribeira Sacra 2026, que celebrará a súa oitava edición os días 3, 4 e 5 de xullo no Paseo do Malecón, xunto ao río Cabe.
A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a licitación do contrato para o subministro, en réxime de aluguer, das estruturas e elementos necesarios para o desenvolvemento do evento. O contrato sae a concurso por un valor estimado de 117.581,75 euros (IVE incluído) e o prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 28 de abril.
Esta contratación abrangue todos os traballos precisos para dotar ao festival dunha infraestrutura completa e de calidade. Inclúe, entre outros aspectos, o deseño da imaxe gráfica e da sinaléctica, o mobiliario, a montaxe de stands, instalacións eléctricas e de fontanería, aseos portátiles e a xestión loxística tanto da montaxe como da desmontaxe.
O recinto manterá a estética das últimas edicións, con predominio da madeira en cor natural, tons violetas e elementos decorativos contemporáneos como xardíns verticais, ademais de zonas de sombra e puntos informativos para mellorar a experiencia dos visitantes.
O festival contará con diferentes áreas diferenciadas, entre elas unha zona de adegas con arredor de 30 participantes distribuídos en 15 stands dobres, unha área gastronómica con 12 postos, espazos institucionais e de recepción, unha sala de catas, escenario para actuacións, zona infantil e servizos auxiliares.
Tras o éxito da pasada Feira Medieval, o Concello impulsa así un dos eventos máis destacados do calendario local. O alcalde, José Tomé Roca, subliña que “o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos é un evento totalmente consolidado no calendario enogastronómico galego e unha cita de referencia para a promoción dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra”.
Neste sentido, tamén destaca o seu carácter aberto a todos os públicos e a súa relevancia máis alá do ámbito local: “o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte ten como gran protagonista o viño da Ribeira Sacra, pero con actividades dirixidas a todos os públicos nun entorno natural e apracible como é á beira do Río Cabe, no Paseo do Malecón”. Ademais, engade que se trata dun evento “imprescindible –engade-, non só no sur da provincia de Lugo, senón tamén en toda Galicia, e fora das nosas fronteiras, ademais dunha oportunidade para descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, das súas tradicións, da súa gastronomía e, por suposto, do viño”.