Monforte colabora con Mozambique na mellora da xestión fiscal local

Tres técnicos municipais procedentes de Mozambique participaron dende o pasado 21 de maio nun programa de intercambio de formación fiscal no Concello de Monforte de Lemos. A iniciativa enmárcase no Proxecto de apoio á sustentabilidade económica dos municipios de Manhiça e Namaacha, cofinanciado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).
A tenente de alcalde, Gloria Prada, foi a encargada de recibir á delegación mozambicana, integrada por Onofre Muianga (coordinador do Departamento de Finanzas Públicas Municipais da ANAMM), Plácido Sitoe (técnico de contabilidade de Namaacha) e Bento Macamo (técnico de planificación de Manhiça). Tras unha reunión inicial na que se lles explicou o sistema de recadación de taxas e impostos locais de Monforte, facilitóuselles o acceso a diferentes departamentos municipais para participar en sesións formativas prácticas co persoal técnico.
Esta estadía técnica forma parte dun programa máis amplo que inclúe visitas a outros concellos galegos como Cuntis, Coristanco e Pontedeume, co obxectivo de coñecer distintos modelos de xestión financeira local. O obxectivo final é aplicar os coñecementos adquiridos para reforzar a gobernanza e mellorar os servizos públicos nos seus municipios de orixe.
O proxecto de cooperación prolongarase ata o ano 2027, momento no que está prevista a elaboración de ordenanzas municipais que garantan unha recadación fiscal máis xusta e inclusiva, cunha perspectiva de xénero. A iniciativa está aliñada co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 16: Paz, xustiza e institucións sólidas, e conta co apoio da AECID a través da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede integrada por 116 concellos e as catro deputacións galegas, actúa como plataforma coordinadora deste tipo de proxectos, garantindo unha xestión profesional, transparente e cun impacto real no Sur Global, ao tempo que promove a sensibilización da cidadanía galega en prol da solidariedade internacional.
Tras completar a súa estadía en Monforte, os tres técnicos mozambicanos expresaron a súa satisfacción pola acollida recibida e pola utilidade práctica da formación obtida, que consideran de grande valor para o seu labor profesional. Pola súa banda, Gloria Prada manifestou o seu orgullo por colaborar en iniciativas que fomentan o desenvolvemento institucional noutras partes do mundo e desexoulles éxito na aplicación do aprendido.