Monforte cede unha aula informatizada no Edificio Multiusos para a realización dos exames teóricos de conducir

O alcalde de Monforte, José Tomé, asinou este mércores un convenio de colaboración co Xefe Provincial de Tráfico de Lugo, Alberto Rodríguez Fernández, para ceder un local no Edificio Multiusos que servirá como aula informatizada para a realización das probas teóricas de condución.
O novo espazo está equipado con 20 ordenadores con pantalla táctil para os aspirantes e un ordenador central para o examinador ou persoal encargado de xestionar a proba teórica. O Concello investiu 22.000 euros en equipamento, mobiliario e montaxe da aula, que dará cobertura a todas as autoescolas da zona sur da provincia de Lugo. A primeira sesión de exames teóricos terá lugar o 17 de novembro.
O rexedor destacou que coa posta en marcha desta aula, “con esta medida damos resposta á demanda das autoescolas da zona, que levaban un tempo trasladando a necesidade dunha aula informatizada para desenvolver estas probas e evitar que os aspirantes acabaran tendo que desprazarse a Lugo, co prexuízo que iso conlevaría”. Ademais, subliñou que Monforte se converte no primeiro concello da provincia en dispoñer dunha instalación destas características para a realización destes exames.
O local conta con instalacións accesibles para persoas con mobilidade reducida, climatización, aseos adaptados e zonas de limpeza, ofrecendo así un espazo cómodo tanto para examinadores como para aspirantes.
Segundo Tomé, “o Concello convértese no primeiro da provincia de Lugo en poñer a disposición da Xefatura Provincial unha aula informatizada destas características e damos o paso definitivo para informatizar as probas teóricas e poñer en marcha en Monforte un modelo de exame que garante a calidade e seguridade xurídica de todo o proceso do exame”.
Pola súa banda, Alberto Rodríguez destacou a localización do espazo, próxima ao centro urbano e con zona de estacionamento, e agradeceu a disposición inmediata do Concello para dotar a aula de todo o equipamento necesario.