Monforte avanza cara a creación da súa área recreativa e da praia fluvial

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de obras, medio rural, servizos e medio ambiente, José Luis Losada, presentou este sábado o Plan Especial da Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte. O proxecto, elaborado pola UTE Ribasaltas—formada polas empresas Monsa Urbanismo SL e Estudios Técnicos Topysa SL—pretende dotar á cidade dunha nova infraestrutura de lecer integrada no entorno natural do río Cabe.
A área recreativa situarase en A Lama, parroquia de Ribasaltas, na marxe dereita do río, cunha superficie total de 138.282 metros cadrados. Contará cunha zona de baño, un espazo destinado á hostalería, área de xogo infantil, estacionamento público, sendas de paseo e unha pista perimetral polo lado oeste. O contrato para a redacción do Plan Especial licitouse cun orzamento de 96.800 euros e foi adxudicado finalmente por 82.828 euros á UTE Ribasaltas.
O plan foi enviado á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, que determinou que deberá someterse a unha avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Unha vez obtidos os informes necesarios, o documento será levado a pleno para a súa aprobación inicial o vindeiro luns 24 de febreiro. Posteriormente, abrirase un período de información pública de dous meses, seguindo o procedemento establecido pola Lei do Solo de Galicia.
Tras a aprobación definitiva do Plan Especial, levarase a cabo a expropiación das parcelas afectadas a través da Deputación de Lugo e iniciarase a licitación da redacción do proxecto construtivo. Unha vez completados estes trámites, procederase á licitación e execución das obras, que incluirán un azud desmontable, unha praia fluvial de 1,4 hectáreas con zona de area, 2 hectáreas de céspede e un aparcamento con máis de 400 prazas. Ademais, contará con paseos peonís de 2.360 metros de lonxitude, un parque infantil de 1.200 metros cadrados, edificacións para hostalería, aseos e almacéns.
O investimento total ascenderá a máis de cinco millóns de euros. O alcalde destacou que a capacidade estimada da nova área recreativa permitirá acoller ata 20.000 persoas, converténdose nunha dotación clave para o lecer da cidade e un novo atractivo turístico para Monforte. “Estamos dando pasos firmes para crear unha infraestrutura de referencia no interior de Galicia, que mellorará a calidade de vida da veciñanza e axudará ao desenvolvemento da zona norte da cidade”, subliñou José Tomé.