Monforte aproba a contratación de obras de mantemento no cárcere vello

RibeiraSacraXa
Os traballos foron adxudicados por un importe de 17.745,28 euros e contan cun prazo de execución de dous meses.
vello-carcere-monforte
6 Apr 2026

O Concello de Monforte de Lemos aprobou a realización de obras de mantemento no edificio do cárcere vello, situado na rúa Santo Domingo e incluído no conxunto histórico da localidade. O contrato foi adxudicado á empresa Nature Infraestructuras y Servicios S.L. tras a decisión adoptada pola Xunta de Goberno na súa sesión deste luns, 6 de abril.

O inmoble, de titularidade municipal e cunha superficie aproximada de 285 metros cadrados, utilízase na actualidade como sede de diversas asociacións e para actividades administrativas do Concello.

Os traballos previstos teñen como obxectivo principal solucionar problemas de filtracións de auga procedentes da cuberta e da carpintaría exterior. Para iso, a actuación contempla a mellora do selado e a impermeabilización das lucernarias da terraza, así como o lixado, selado e vernizado da carpintaría exterior. Posteriormente, unha vez resoltos estes problemas, procederase ao pintado do interior do edificio.

O prazo de execución das obras será de dous meses a partir da sinatura da acta de replanteo. Segundo explicou o alcalde, José Tomé Roca, estas actuacións permitirán contar cunhas instalacións en mellores condicións. Neste sentido, sinalou que “conseguiremos unhas instalacións reformadas, que proporcionen unha mellor calidade no servizo”.

0.11556100845337