Monforte apraza o Pleno de abril ata este mércores

Dende o Concello de Monforte informan que a consecuencia da interrupción do subministro eléctrico que tivo lugar no día de onte luns, día 28, non se puido celebrar o Pleno Ordinario correspondente ao mes de abril, motivo polo que foi aprazado 48 horas e pasará a celebrarse o próximo mércores, día 30 de abril ás 20.00 horas.
Durante a sesión está prevista a aprobación de varios expedientes, entre eles a contratación do transporte colectivo de viaxeiros nas parroquias de Monforte de Lemos.
Ademais, debateranse un total de cinco mocións. O PP, pola súa banda, levará a debate dúas propostas relativas á ampliación de postos de traballo con determinados profesionais cualificados e ao arranxo do firme da N-120 nas provincias de Lugo e Ourense, mentres que Esperta Monforte volverá a solicitar ao Concello que faga un estudo sobre rutas de sendeirismo. Os nacionalistas, pola súa conta, presentarán unha moción para esixir a dotación dunha praza de médico específico para o servizo de Hospitalización a Domicilio e outra para pedir a creación dun Consello Municipal de Educación en Monforte de Lemos.