Monforte apágase este sábado durante unha hora para sumarse á iniciativa “A Hora do Planeta”

RibeiraSacraXa
Entre as 20:30 e as 21:30 horas, o municipio reducirá a iluminación en enclaves emblemáticos como a Explanada da Compañía e o conxunto monumental de San Vicente, ademais da fachada dos Escolapios
hora-do-planeta-2026
28 Mar 2026

O Concello de Monforte de Lemos adherirase este sábado á campaña global de WWF “A Hora do Planeta”, unha iniciativa que busca concienciar sobre o cambio climático e a perda de biodiversidade a través dun xesto simbólico: o apagado de luces en espazos representativos.

Entre as 20:30 e as 21:30 horas, o municipio reducirá a iluminación en enclaves emblemáticos como a Explanada da Compañía e o conxunto monumental de San Vicente, incluíndo a Torre da Homenaxe. Tamén se apagará a fachada do Convento de Santa María da Antiga (Escolapios).

O alcalde, José Tomé Roca, sinalou que o Concello se suma “un ano máis a esta acción colectiva” e animou á veciñanza, ao tecido asociativo e ao sector comercial a participar na iniciativa. Segundo destacou, “estamos convencidos de que o espírito da Hora do Planeta é máis necesario que nunca para transmitir unha mensaxe de esperanza, unidade e colaboración ante as grandes ameazas que tamén afronta a humanidade, como o cambio climático ou a destrución da natureza”.

O rexedor engadiu que esta acción pretende fomentar a concienciación sobre o uso responsable da enerxía e a necesidade de reducir as emisións, afirmando que “este acto simbólico ao que nos unimos este sábado pretende concienciar da necesidade de facer un uso responsable da enerxía e de implicarnos todos na loita contra o cambio climático reducindo as emisións de CO₂”.

“A Hora do Planeta” é unha campaña nacida en 2007 en Sídney que se estendeu a nivel mundial e que hoxe mobiliza millóns de persoas en case 200 países. O seu obxectivo é lembrar, a través dun xesto sinxelo, a importancia de protexer o medio ambiente e avanzar cara a un modelo máis sostible.

0.13106393814087