Monforte anuncia o inicio do procedemento para a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal

RibeiraSacraXa
O alcalde confirma que nos próximos días comezaranse a redactar as bases técnicas e administrativas do futuro PXOM
tome-pxom-monforte
20 Mar 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este venres o inicio do procedemento para a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que marcará, en palabras do rexedor “un antes e un despois no futuro de Monforte”.

O rexedor defendeu que, con este paso dado polo seu Equipo e Goberno, estase a cumprir cun dos compromisos do programa electoral e “coa palabra dada aos veciños e veciñas de Monforte, demostrando que o que comprometemos facémolo, e cumprímolo”.
Con este propósito, na incorporación de remanentes que o Equipo de Goberno levará ao pleno do vindeiro 30 de marzo, irá unha partida orzamentaria destinada á primeira anualidade dos traballos de redacción do Plan Xeral, por un importe de 150.000 euros. Neste sentido, explica Tomé, “orzamentar o custe dos traballos técnicos é o primeiro paso para elaborar o PXOM, xunto con voa vontade decidida de levalo a cabo”.

O alcalde quixo lembrar que gobernos anteriores “tiraron no caixón” dous Plans Xerais que supuxeron un custe de 502.353,50 euros, o que di, “significa tirar o diñeiro público, non ordenar o territorio municipal, nin actualizar as normas urbanísticas”. Tomé referiuse nomeadamente ao plan contratado en 2003 polo ex Alcalde Nazario Pin que foi paralizado en 2006 polo entón rexedor Severino Rodríguez sen que se resolvesen as alegacións, e o contratado por este último en 2008 e retirado en 2013 tamén en fase de alegacións.

“Se se tivera feito calquera deses dous Plans Xerais no 2006 ou no 2013, aforraríamos moito diñeiro e teríamos unha ordenación actualizada do noso Concello, pero lamentablemente non foi así, porque púxose por diante o interese partidario antes que o interese xeral”, sinala o alcalde, que pon en valor a xestión do seu Equipo. “Agora si, agora cúmprese a palabra e execútanse os proxectos que se comprometen”, afirma Tomé.

En relación cos obxectivos do novo Plan Xeral, o alcalde destacou a adecuación das actuais normas urbanísticas á legalidade vixente e indicou que recollerá a evolución da cidade e do medio rural nas últimas catro décadas. “O PXOM deseñará a cidade e os núcleos rurais do futuro, proxectará un crecemento armonizado de Monforte e ordenará a potencialidade industrial do noso Concello para seguir medrando en poboación, social e economicamente”.

Ademais, recalcou que para a súa elaboración “fai falta a colaboración de todos os monfortinos e monfortinas, poñendo o interese xeral por enriba dos lexítimos intereses particulares, e tamén é fundamental a colaboración das administracións públicas que terán que emitir informes sectoriais antes de chegar á fase de aprobación definitiva”.

O custe estimado para a cartografía e redacción do PXOM de Monforte será de aproximadamente 859.100 euros, cunha duración total de 66 meses e seis fases de execución, segundo as consultas realizadas a distintas empresas especializadas na elaboración de Plans Xerais para Concellos, o resumo medio de custes e de prazos e tendo en conta o que establece a Lei do Solo de Galicia.

Así unha primeira fase, dotada con 90.000 euros sen IVE e cunha duración estimada de 6 meses, consistiría na elaboración da cartografía válida para o planeamento de todo o territorio municipal, incluíndo áreas rurais e urbanizadas. A segunda fase, con 155.000 euros de orzamento e 12 meses de duración, estaría destinada á elaboración do Borrador e Documento Inicial Estratéxico, mentres que a terceira fase estaría destinada á elaboración do Documento para Aprobación Inicial Duración, tamén cun prazo estimado de 12 de meses e orzamentada cun importe parcial de 155.000 euros sen IVE, a mesma cantidade que se prevé destinar á cuarta fase, que consistirá na elaboración do Estudio Ambiental Estratéxico e a Proposta do Plan, cunha duración de uns 18 meses. A penúltima fase consistirá na elaboración do Documento para Aprobación Provisional, dotada cuns 46.500 euros e un prazo de 6 meses e, por último, a elaboración do Documento para Aprobación Definitiva, cun prazo de un ano e un importe parcial de 108.500 euros, tamén sen IVE.

Así, o rexedor confirmou que nos próximos días comezaranse a redactar as bases técnicas e administrativas baseadas nas prescricións técnicas aprobadas pola Xunta de Galicia “para licitar o concurso aberto polo importe de 859.100 euros, distribuídos en 6 fases e 6 anualidades, para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas”.

“Agora si”, concluíu, “se os monfortinos me dan o seu apoio para seguir sendo alcalde, Monforte terá PXOM, respondendo ao interese xeral para seguir crecendo en todos os aspectos, como ven ocorrendo nos últimos anos, que creo que ese é o obxectivo de todos”.

0.11858201026917