Monforte acolleu un partido benéfico a favor do Grupo CompostELA

RibeiraSacraXa
Durante o encontro, o alcalde destacou “o apoio e o do Equipo de Goberno a calquera iniciativa que repercuta nunha visibilización da ELA e na mellora da calidade de vida dos pacientes que padecen esta enfermidade”
partido-ela-monforte
29 Sep 2025

O Concello de Monforte participou este sábado nun encontro de fútbol solidario organizado polo Grupo CompostELA, unha asociación creada en 2019 por un grupo de peregrinos vinculados coa Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e que cada setembro percorre o Camiño de Santiago.

O partido, disputado no Campo Luis Bodegas, enfrontou a dous equipos ao “Políticos United”, formado por representantes municipais como os concelleiros José Manuel Mougán Sobredo (Deportes), Regina López Arias (Comercio) e Guillermo Díaz Aira (Tecnoloxía e Innovación), ademais doutros membros da corporación local, fronte aos os “Verdes Bremen”, integrado por membros da Garda Civil.

O encontro tivo tamén un compoñente emotivo, xa que serviu de homenaxe ao axente monfortino Germán Macía, falecido a causa da ELA. Os seus pais, Clara e Germán, estiveron presentes e recibiron un ramo de flores da man de Regina López, capitá do equipo político. Foi a nai de Macía quen realizou o saque de honra.

Os fondos recadados coas entradas foron destinados a financiar a realización do Camiño de Santiago por parte do Grupo CompostELA, e habilitouse ademais unha Fila 0 para quen quixera colaborar sen asistir ao partido. O Concello cedeu as instalacións deportivas para a celebración do evento e colaborou coa organización.

O alcalde José Tomé expresou o compromiso municipal con este tipo de iniciativas, subliñando “o apoio e o do Equipo de Goberno a calquera iniciativa que repercuta nunha visibilización da ELA e na mellora da calidade de vida dos pacientes que padecen esta enfermidade”.

⚙ Configurar cookies
0.14997696876526