Monforte acolleu o seu tradicional Concerto de Corais de Nadal

Monforte acolleu este sábado o tradicional Concerto de Corais de Nadal organizado polo Concello, que se celebrou na Casa da Cultura Lois Pereiro e que contou coa participación da Coral Polifónica Concello de Monforte e da Coral Polifónica de Chantada, que ofreceron un programa centrado en pezas propias destas datas.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu ao acto acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, así como por varios membros do goberno municipal. O concerto forma parte das actividades habituais do Nadal en Monforte e reuniu a un numeroso público, que encheu o salón de actos.
Baixo a dirección de Marcos Fernández Varela, a Coral Polifónica de Chantada interpretou seis obras, incluíndo composicións de Mozart e pezas do repertorio galego. Pola súa banda, a Coral Polifónica Concello de Monforte, dirixida por Fernando Sanmartino, presentou tamén seis temas, con panxoliñas tradicionais e un popurrí final.
Como peche do concerto, ambas formacións uniron as súas voces para interpretar conxuntamente “Adeste Fideles”. Ao remate, o alcalde fixo entrega dun agasallo institucional á Coral Polifónica de Chantada como agradecemento pola súa participación neste encontro musical.