Actividades de ocio educativo en Monforte de Lemos
Remata no día de hoxe o minicampamento Eco-Verán, levado a cabo en Monforte de Lemos, centrado no eido ambiental e de turismo na natureza. Alí púxose en valor a posibilidade de realizar actividades que permiten á mocidade galega coñecer lugares como os miradoiros da Ribeira Sacra, considerado Patrimonio da Humanidade.
Neste minicampamento, que comezou o pasado día 19 e remata no día de hoxe, as rapazas e rapaces puideron realizar unha gran diversidade de actividades, como kaiak ou padel-surf no río Miño, e remataron cun baño na praia da Cova.
Estas propostas enmarcadas na campaña de verán no programa Coñece Galicia, son algunhas das iniciativas postas en marcha o pasado ano tras a necesaria adaptación da oferta de ocio ás restricións derivadas da pandemia.
Coñece Galicia ofrece pequenas estancias de luns a venres, en aloxamentos turísticos distribuídos pola xeografía galega aos nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. Este programa propón varias actividades de ocio activo, de multiaventura e coñecemento do patrimonio natural e cultural, de turismo de natureza e educación ambiental, de coñecemento de paraxes naturais e mariñas ou de desfrute do medio rural, entre outras alternativas.
Este ano 2021, ofrece 600 prazas nos meses de xullo e agosto, 67 máis que o 2020, repartidas entre un total de 13 instalacións e programas diferentes para completar a oferta de actividades de O Verán que mereces.