Monforte acollerá un Programa de formación para o empoderamento de mulleres para o emprego
A Concellería de Muller e Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Monforte celebrará un Programa de formación para o Empoderamento de mulleres para o Emprego, que servirá para conmemorar o “Día da Muller Rural”, que se celebra o 15 de outubro.
“O obxectivo desta actividade é axudar ás mulleres participantes a concretar mellor o seu obxectivo laboral, aprender a desenvolver as súas habilidades e competencias para o emprego e mellorar a procura de emprego empregando técnicas máis adecuadas e os recursos que ofrece internet”, explica o alcalde de monforte, José Tomé Roca.
Esta actividade dirixida a mulleres é gratuíta e de carácter presencial, que se impartirá o vindeiro luns 16 e o venres 20 de outubro na Sala de Informática do Centro Cívico Social en horario de 10.00 a 13.00 horas.
A formación será impartida pola Fundación Mujeres e as mulleres interesadas poderán realizar a súa inscrición presencialmente no CIM sito no Centro Cívico Social ou ben chamando ao número de teléfono 982 416 350. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Competencias dixitais nas mulleres
O goberno local considera necesario seguir realizando un ano máis este tipo de actuacións para actualizar as competencias dixitais das mulleres, dotándoas de habilidades dixitais avanzadas para fomentar a xestión eficiente dos recursos dispoñibles na rede.
"As competencias dixitais son esenciais na sociedade actual e aínda máis para as mulleres do rural, xa que estas habilidades non solo lles brindan acceso a un mundo de información e oportunidades en liña, se non que tamén, promoven o seu empoderamento e melloran a súa calidade de vida", explican.
"Nun mundo cada vez máis conectado, as competencias dixitais permiten ás mulleres rurais acceder a recursos formativos, busca de emprego,... ademais estas habilidades fomentan a participación activa na sociedade e fortalecen a resilencia en tempos de crise", sentenciaron.