Monforte acolle este xoves a representación de 'Feminíssimas'
Novo xoves de teatro en Monforte, no marco da actividade cultural deseñada polo Concello para o primeiro trimestre deste ano. Desta volta, porase en escena a cuarta das obras previstas para adultos, 'Feminíssimas', da compañía De Ste Xeito Producións. A representación será o xoves 25, ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos.
'Feminíssimas' é unha obra composta por Esther F. Carrodeguas, dirixida por Xavier Castiñeira e interpretada por Stephy Llaryora, Noelia Blanco e a propia Esther F. Carrodeguas. As actrices póñense na pel de tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven e que teñen tres xeitos ben distinto de entender o feminismo. Esa é a base do espectáculo, unha peza con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba.
O prezo da entrada xeral para esta obra é de cinco euros, e tres para as persoas desempregadas, xubiladas e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.
PROTOCOLO FRONTE Á COVID
Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro , o Concello de Monforte conta con medidas de seguridade e protección ante a covid. Así, a capacidade do salón do Edificio Multiusos dependerá da situación sanitaria no momento, sendo agora dun máximo de 110 persoas. Será ademais obrigatorio o uso de máscaras e do xel hidroalcohólico.
A venda de entradas farase desde unha hora antes da actuación e a entrada ao salón permitirase desde trinta minutos antes do comezo da obra. O espectador non poderá tomar asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.