Monforte acolle a exposición ‘Hora (aproximada) de chegada’ de Xoán Guerreiro

RibeiraSacraXa
A exposición reúne 14 cadros centrados na temática do ferrocarril e pode verse na Casa da Cultura Lois Pereiro
inauguraacion-expo-hora-aproximada-d-chegada
Inauguración da exposición 'Hora (aproximada) de cegada' en Monforte
19 Aug 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou este luns na Casa da Cultura Lois Pereiro a exposición ‘Hora (aproximada) de chegada’ do pintor Xoán Guerreiro. Estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Marina Doutón, e polo concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada. A mostra permanecerá aberta ao público ata o mércores 10 de setembro.

A exposición reúne 14 cadros centrados na temática do ferrocarril, con estacións e trens como protagonistas. Segundo explicou o comisario, Edgar Cloos, trátase dun dos tres temas recorrentes na obra do artista xunto co mar e a paisaxe urbana, sempre sen presenza humana.

O alcalde destacou a relevancia de acoller en Monforte unha mostra deste nivel, tanto polo prestixio e recoñecemento de Guerreiro como polo forte vencello da cidade co tren. Tomé lembrou que “Monforte de Lemos foi declarada cidade en 1885 por un decreto real, outorgado polo rei Alfonso XII, en recoñecemento ó seu crecemento e desenvolvemento, especialmente no ámbito ferroviario”. Un recoñecemento que, explica, “chegou despois de que o monarca inaugurara a liña de ferrocarril entre Madrid e A Coruña, que tiña a Monforte como nodo principal e dende ese momento, o tren definiu o desenvolvemento urbano da nosa cidade, moldeando a súa estrutura socioeconómica que significou unha revolución no transporte e industria, facilitando o comercio e acelerando o desenvolvemento industrial”.

“O tren”, sinala o alcalde, “é moito mais cun vehículo ou un transporte, é un símbolo de viaxe, de cambios, de recordos, de despedidas e tamén de descubrimentos, por esta razón, permite ser utilizado polos artistas como significado de emoción, como símbolo de viaxe e como metáfora do paso do tempo tal e como transmite Xoán Guerreiro nas súas 14 obras que se expoñen na casa da cultura”.

Ademais, o alcalde insistiu na importancia desta proposta artística para a cidade, e destacou que “as obras que se expoñen hoxe na nosa cidade, seguro que transmitirán emocións diferentes a cada un de nós, porque o coidado e detalle que recolle Guerreiro nas súas obras, seguro nos transportará ás nosas propias lembranzas dos viaxes que fixemos e ás sensacións que tivemos nesas viaxes”.

“Por iso convido a todos os presentes e a todos os monfortinos que non están aquí neste momento, a descubrir esta exposición e a deixarse atrapar polas lembranzas e as sensacións que lles transmitan cada unha das obras que temos o pracer de poder desfrutar en Monforte”, remataba o alcalde.

O rexedor finalizou a súa intervención agradecendo a Xoán Guerreiro e a Edgar Cloos a elección de Monforte para acoller a mostra, así como a asistencia do público.

Xoán Manuel Guerreiro Vázquez, nado en Xove (Lugo) en 1956, conta cunha longa traxectoria artística na que destacan premios como o “LUGONOVA 90”, a súa participación na Mostra Unión Fenosa e numerosos traballos de ilustración e murais. Tal e como subliñou Cloos, a súa dona Rosa foi clave na súa carreira ao animalo a deixar o seu emprego en Alúmina para dedicarse por completo á pintura, consolidándose como un dos catro pintores figurativos galegos máis importantes xunto a Roberto González, Xurxo Martiño e Quintana Martelo.

⚙ Configurar cookies
0.12740015983582