Monforte abre unha nova convocatoria de axudas para apoiar o gasto enerxético das familias máis vulnerables

O Concello de Monforte vén de aprobar as bases reguladoras dunha nova convocatoria de axudas económicas destinadas a paliar o gasto enerxético dos fogares en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. A Xunta de Goberno Local deu luz verde a esta iniciativa cun orzamento de 25.000 euros, que permitirá cubrir necesidades derivadas do pago de subministracións básicas como electricidade, gas, gasoil, calefacción e outras fontes de enerxía.
“Este alcalde, e este Equipo de Goberno, non quere que a ningunha familia do noso Concello lle falte o calor no seu fogar”, subliñou o rexedor monfortino, José Tomé, que recalcou que o obxectivo destas axudas é apoiar ás familias máis vulnerables do municipio que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos, “especialmente nun tempo no que o importe da factura, tanto de electricidade como de gas, se incrementou considerablemente”. “A enerxía é unha necesidade básica e por iso queremos contribuír desde o Equipo de Goberno a minimizar as dificultades económicas das familias veciñas que máis o precisan”, destacou o alcalde.
Poderán solicitar as axudas persoas ou unidades de convivencia que residan en Monforte de Lemos e que os Servizos Sociais valoren en situación ou risco de exclusión social. Considerarase risco de exclusión social a falta ou insuficiencia de recursos económicos para cubrir as necesidades básicas do fogar, así como a presenza doutros factores que afecten negativamente á inclusión social.
As axudas poderán destinarse ao pago de facturas de electricidade e gas natural pendentes, subministración de gasoil ou gas butano para calefacción ou cociña, así como outras fontes de enerxía previamente avaliadas polos Servizos Sociais. Tamén se incluirán custos derivados da instalación ou reparación de caldeiras e outros equipos de calefacción ou auga quente, sempre que estean pendentes de pagamento. No caso de calefacción a gas ou gasoil, atenderanse as solicitudes correspondentes á tempada de frío, incluíndo tamén os custos para restablecer subministracións cortadas.
A contía das axudas variará segundo o tipo de subministración e a valoración social, con límites que van desde 150 euros anuais para gas butano ata 500 euros para gasoil ou reparación de equipos.
O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e permanecerá aberto ata o 18 de decembro de 2026. As solicitudes cubriranse preferentemente a través da sede electrónica do Concello, aínda que tamén se poderán presentar presencialmente no Rexistro Xeral ou nos Centros de Servizos Sociais comunitarios.