Miguel Tomé toma posesión como concelleiro en Monforte

O Concello de Monforte celebrou este luns un pleno marcado polos desencontros entre o actual equipo de Goberno e a oposición e onde se oficializou a entrada de Miguel Tomé, fillo do rexedor, no equipo de Goberno.
Tomé López incorpórase á Corporación Municipal logo da renuncia por motivos persoais de Margarita López, Concelleira de Muller e Igualdade, que se fixo efectiva no Pleno do mes de febreiro e cuxas atribucións foron delegadas polo Alcalde na Concelleira Regina López, responsable tamén de Consumo. O novo concelleiro asumirá as competencias nas áreas de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, que recaían ata o de agora no Concelleiro José Luis Losada, que mantén a súa responsabilidade nas áreas de Obras, Medio Rural e Servizos (abastecemento de auga, saneamento, recollida de lixo, limpeza viaria, cemiterio e iluminación pública). Miguel Tomé López xa foi Concelleiro de Medio Ambiente no anterior mandato.
O pleno estivo marcado polos desencontros entre o equipo de Goberno e a oposición, tras querelarse a fiscalía contra o rexedor monfortino por un presunto delito de acoso sexual e abuso na execución da función pública. Tanto PP como Esperta Monforte levaron a pleno sendas mocións para pedir a dimisión de Tomé e que, no segundo caso, ampliábase tamén a xa concelleira de Igualdade, Regina López. Ambas contaron co respaldo do BNG e o voto en contra do PSOE e do alcalde, que pasou a formar parte do grupo no adscrito tras desvincularse do partido logo do escándalo que o fixo dimitir á fronte da Deputación de Lugo e da secretaría provincial.