Medio Rural lanza a segunda convocatoria de axudas para conservar os viñedos da Ribeira Sacra

O Diario Oficial de Galicia publica a segunda convocatoria de subvencións da Consellería do Medio Rural dirixidas á conservación paisaxística e á prevención da erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, cunha dotación que supera os 1,5 millóns de euros, financiados integramente con fondos propios da Xunta.
Estas axudas teñen como obxectivo recoñecer e apoiar o labor das persoas viticultoras inscritas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que contribúen coa súa actividade á preservación desta contorna e á conservación dos característicos socalcos, evitando o abandono e a perda do patrimonio agrario. A zona tamén se beneficia dun aumento do seu atractivo turístico, reforzando a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
Poderán acceder ás subvencións os viticultores e viticultoras inscritos nos rexistros do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra. A contía máxima será de 2.000 euros por hectárea para o cultivo tipo 1, realizado en socalcos de pedra de xeito manual, e de 1.000 euros por hectárea para o cultivo tipo 2, mecanizado. O cálculo do importe basearase na superficie inscrita, sen superar os 50.000 euros por beneficiario.
O viñedo da Ribeira Sacra constitúe un motor económico relevante na comarca, con sistemas produtivos eficientes en muras de pedra e socalcos que manteñen unha tradición agraria propia, favorecendo o asentamento de poboación e ofrecendo perspectivas de futuro para as xeracións máis novas.