Manzaneda avanza na mellora da cobertura de telefonía e internet en varios puntos do municipio

O Concello de Manzaneda está a impulsar a instalación de novos repetidores de comunicación móbil de banda larga e moi alta velocidade en colaboración co Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, que puxo en marcha unha liña de axudas financiadas con fondos europeos para levar servizos ás zonas con cobertura insuficiente ou inexistente.
Segundo informan dende o Concello, despois de meses de traballo e coordinación coa empresa adxudicataria, lograron instalar unha torre en Palleiros, que permitirá mellorar a cobertura na parroquia de Raigada e a súa contorna.
Ademais, estanse a xestionar os trámites para outra localización próxima a Rebodepo, co obxectivo de levar servizo ao pobo de O Bao, unha zona sen cobertura de telefonía nin internet. Segundo explican, as negociacións están moi avanzadas, aínda que a súa posta en marcha dependerá do inicio das obras. Este segundo repetidor tamén beneficiará aos veciños do concello veciño de O Bolo.
O Concello destaca que estas actuacións forman parte dos esforzos para mellorar a conectividade no rural e reducir a brecha dixital, facilitando o acceso a servizos básicos de comunicación e internet aos habitantes das zonas máis afastadas.