'Live is Life' proxectouse por primeira vez en Monforte de Lemos
Monforte de Lemos acolleu, en primicia, a estrea de Life is Life, a nova película do director lucense Dani de la Torre. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participaron na preestrea este venres xunto ao director, parte do equipo técnico e artístico, como os actores David Rodríguez e Javier Casellas, ademais do produtor, Toni Novella.
A institución provincial colaborou, cunha achega de 100.000€, na rodaxe e produción da longametraxe. Esta axuda forma parte do compromiso mantido pola Deputación en apoio da industria cinematográfica e dun turismo de calidade e sostible a través da promoción do territorio. “Na última década, a Deputación colaborou con máis de 30 producións audiovisuais, o que demostra o noso claro apoio á industria audiovisual galega e lucense”, destacou José Tomé.
A película, que está previsto que se estree en 2022 nas salas nacionais, foi proxectada nos Cines Hollywood, de Monforte de Lemos. Na cita, ademais de representantes provinciais e persoal técnico e artístico da longametraxe, tamén participou unha ampla representación do tecido social do municipio monfortino.
O Presidente valorou a importancia de “converter á provincia nun plató de rodaxe, pois é unha oportunidade moi boa para a proxección nacional e internacional da riqueza patrimonial e paisaxística da nosa provincia. O cine é un escaparate excepcional”.
Encontro co alumnado de Audiovisuais da Deputación
O director, Dani de la Torre, os actores David Rodríguez e Javier Casellas, e o produtor, Toni Novella participaron esta mañá, xunto á Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, nunha clase maxistral para os alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. O director lucense explicou o seu traballo no filme aos futuros profesionais do sector, que aproveitaron para resolver dúbidas que se poden atopar cando se incorporen ao mercado laboral.
Live is Life
Live is Life, dirixida por Dani de la Torre e baseada nunha historia orixinal de Albert Espinosa, traslada ao espectador á noite de San Xoán a mediados dos anos 80 para narrar a historia dun grupo de cinco nenos nun pequeno pobo de Galicia. O director é xa un recoñecido cineasta e un dos embaixadores da provincia de Lugo, que tamén foi escenario no ano 2017 da súa película la Sombra de la Ley.