'Libros de Vida' preséntase en Bóveda no marco das actividades de Nadal
Este venres ás 11.30, O Centro Sociocultural de Bóveda acolle o acto de presentación e entrega da obra 'Libros de Vida'.
Este libro foi escrito polos usuarios e usuarias da residencia DomusVi da localidade.
O acto, ao que pode acudir quen queira, enmárcase dentro das actividades propostas polo Concello de Bóveda para este Nadal.
Entre as actividades que terán lugar estes días, cómpre destacar que o próximo sábado 17 ás 18.00 horas, Xosé M. Casar presenta o seu libro de poesía 'Pretiño do Mao' tamén no Centro Sociocultural de Bóveda.
E ese mesmo día, ás 19.00 horas, Falcatrueiros Teatro porá en escena a comedia para todos os públicos 'O clowncertazo'.
Cara a seguinte semana, Bóveda contará cun campamento infantil de conciliación, que xa ten o prazo de inscrición aberto e que se desenvolverá entre os días 23 de decembro e 4 de xaneiro en horario de 09.30 a 13.30 horas.
Por último, está previsto que o 5 de xaneiro teña lugar a visita dos Reis Magos no Centro Sociocultural de Bóveda a partir das 17.00 horas.