Lapis xigantes para lembrar a escritores en Quiroga
Quiroga ten desde esta mañá un especial recordatorio para todos os escritores vinculados ao municipio. O colectivo Quiroga en Marcha promoveu esta iniciativa artística que, baixo o título 'Os lapis da cultura' supuxo a instalación de lapis de grandes dimensións na Casa da Cultura e no albergue municipal.
Con esta acción, os nomes de escritores como Dora e Pura Vázquez, Ernesto Guerra da Cal, Eduardo Moreiras, Luz Pozo Garza ou Ánxel Fole quedarán para sempre visibles no municipio.
O obxectivo é chamar a atención dos veciños e veciñas "á vez que serve de lembranza e recordo das letras e dos versos que se escribiron en Quiroga", segundo explica o autor das obras, o salmantino Felipe Viñuela.
A colocación destes lápis simbólicos enmárcase nas accións que desenvolve o colectivo Quiroga en Marcha co fin de eliminar o feísmo do municipio. "Trátase de axudar a embelecer o concello, facéndoo máis atractivo aos visitantes", di o presidente da asociación, Pablo Núñez.
MURAIS
Nos últimos meses, Quiroga en Marcha promoveu tamén o pintado de murais de grandes dimensións en espazos que presentaban un aspecto menos agradable na localidade. O último, realizado en xaneiro, é agora unha esquina que convida "a darse bicos e apertas" unha vez que remate a actual situación sanitaria pola covid.
Os integrantes da asociación quiroguesa, aberta a todos os que o desexen, pretende continuar con máis proxectos. O máis inmediato será a realización dun novo mural na localidade.