José Tomé Roca participará hoxe na preestrea da película 'Live is Life'

RibeiraSacraXa
'Live is Life' preestrearase hoxe nos Cines Hollywood de Monforte. O acto contará coa asistencia do director e outros profesionais.
Visita do Presidente á rodaxe da película Live is life
12 Nov 2021

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participará este venres xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, na preestrea da nova película do director lucense Dani de la Torre, Live is Life. A institución provincial colaborou coa rodaxe e produción da longametraxe cunha achega de 100.000€ dentro do seu compromiso de apoiar esta industria cultural e, ao mesmo tempo, promocionar o territorio e incentivar o turismo de calidade e sostible.

Os Cines Hollywood, de Monforte de Lemos, acollerán ás 20.00h a presentación en primicia do filme, que se estreará en 2022 nas salas nacionais. Na sesión participarán De la Torre xunto a parte do equipo artístico, como David Rodríguez e Javi Casellas, e técnico, ademais do produtor Toni Novella.

Tomé Roca destaca que “esta colaboración está enmarcada no compromiso do organismo provincial por promocionar e potenciar o noso territorio, a través dun proxecto que converte á provincia nun plató de rodaxe, sendo unha oportunidade para a proxección nacional e internacional da riqueza patrimonial e paisaxística coa que contamos”.

O mandatario provincial salientou o protagonismo da Ribeira Sacra en Live is Life: “trátase dun escaparate excepcional da provincia que atraerá a novos visitantes, impulsando o turismo lucense e os sector hostaleiro”.

A Deputación coa industria audiovisual
A Deputación traballa para impulsar a industria audiovisual e colaborar con todas as persoas deste sector. O Presidente sinalou que nos últimos dez anos o organismo provincial colaborou con máis de 30 películas, documentais, curtas e series, o que demostra o apoio claro da Deputación coa industria audiovisual galega e lucense.

Recentemente aprobouse un convenio de colaboración con Vía Láctea Filmes para achegar unha contía de 100.000€ en tres anualidades, de 2021 a 2023, para colaborar coa rodaxe e produción de A Volta. Trátase do novo filme desta produtora galega, que ten ao director Ignacio Vilar á fronte.

Live is Life
Live is Life, dirixida por Dani de la Torre e baseada nunha historia orixinal de Albert Espinosa, traslada ao espectador á noite de San Xoán a mediados dos anos 80 para narrar a historia dun grupo de cinco nenos nun pequeno pobo de Galicia. O director é xa un recoñecido cineasta e un dos embaixadores da provincia de Lugo.

Visita do Presidente á rodaxe da película Live is life
0.21060800552368