Javier Merelas, veciño do Courel: “A miña casa non se entende sen a contorna que a rodea”
Por Jessica Fernández
Falamos con Javier Merelas, o coruñés que decidiu cambiar de vida e apostar polo Courel e promover o negocio Lar da Cima.
Por que decidiu irse a vivir ao Courel?
Eu son da parroquia de Altamira, no Cambre, e desde que teño 6 anos sempre quixen vivir nun lugar como este. Parecía unha arroutada, pero ten un transfondo permanente que permaneceu na miña vida desde pequeno.
De pequeno sempre me gustou a natureza e os animais, as plantas… Eu soñaba con ter un tipo de vida no que arredor houbera natureza e, aínda que eu vivía nun pobo, este era urbano e sen conservación das especies, xa perdera o seu valor natural. Por iso, eu soñaba con vivir nun lugar no que houbera unha biodiversidade que na costa de Galicia está explotada e as montañas quedan apartadas.
Cando vin por primeira vez ao Courel cos meus pais, a Serra do Courel encaixou con esa idea que eu tiña e foi pasando o tempo e nunca perdín esa visión. Seguía coa miña vida, pero sempre me acompañou a idea e, cando tiven liberdade para traballar e aprobei o carné, o primeiro que fixen é vir para aquí e o que estaba latente, dinlle forma.
Para min era unha maneira de ver a vida sen ser escravo dunha rutina imposta nun traballo, quería ser libre. Ademais, na adolescencia, cando todos somos máis idealistas, dinlle moitas voltas ao tema do éxito e todo o mundo concibía o éxito como ter máis e acadar máis cousas e, en cambio, para min o éxito era conseguir facer o que eu pensaba que me faría feliz, que era isto. Non necesito moito diñeiro nin grandes cousas, quero ser libre e vivir como eu quero, poñendo en valor a natureza e o que me rodea, tamén compartindo a vida cunha persoa que comparta a miña mesma filosofía, pero sen a necesidade de ter estímulos e milleiros de amigos.
Para poder conseguir cumprir o meu soño, traballei oito anos no taller do meu pai polas mañás e polas tardes fun adestrador de tenis na Coruña durante outros oito anos máis ou menos, desde os 18 ata os 26 en ámbolos dous casos. É máis, déronme unha beca de alto rendemento de tenis e fun a Madrid aos 17 e gustábame o deporte, pero para min a vida con maiúsculas era outra cousa.
Con 19 anos decidín mercar a miña casa en Seceda, en Folgoso do Courel, e desde ese momento e ata os 26, traballei nela todas as fins de semana despois de traballar pola semana na Coruña.
Como foi a acollida da xente de Folgoso do Courel?
Ao principio, cando vin aos 19 anos, a sensación era un pouco estraña, a xente mirábame raro porque aquí só hai xente maior, polo que a xente desconfiaba, non entendía moi ben que facía eu aquí. Pasei por varias etapas, pero nunca ninguén me atacou nin me increpou, simplemente foron observando e chegaron a entenderme. Ademais, sendo os que somos, agradecen que haxa xente nova no pobo todo o ano porque se, por exemplo, cae unha señora e ten a quen chamar a alguén, é mellor que estamos, se non veríase soa, e son conscientes desa realidade.
Ademais, eu son moi respectuoso e son dunha aldea e entendo o sentimento de pertenza de ser de aquí ou non ser de aquí… Eu nunca tiven a necesidade de dicir que son do Courel. Eu son de Altamira e quero ás miñas raíces, non teño problema en que me consideren de fóra, pero teño boa relación coa xente de aquí.
Como foi o proceso de construír aquí a casa?
Eu tiña 19 anos e comprei unha casa: foi un reto que estaba esperando, polo que o collín con moitísima ilusión. A primeira vez que vin, non tiña moita idea, pero forma parte da responsabilidade que ten autoconstruír algo. Busquei información, asesoreime por xente…
Eu fixen moito traballo só, pero logo no tema da albanelaría eu viña con xente desde A Coruña e quedabamos a durmir nunha casa rural. Eu traballei sempre con eles porque quería aprender, non quería desentenderme, quería facelo choio e era un prezo que tiña que pagar. Viñeron persoas coñecidas, amigos, familiares, xente da miña aldea a facerme un favor porque apreciaban o meu traballo.
Despois de rematar a casa, que cal foi o seguinte paso?
Cando rematei de construír a casa, hai máis ou menos 5 ou 6 anos, xurdiu a oportunidade de mercar a casa que estaba fronte á miña e eu, nun principio, non quería mercala, porque para min era a casa máis fea de toda a aldea. Pero foi o meu pai que me dixo que chamara á señora para saber por canto a vendía e, ao dicirmo, compreina, que ademais comprei dúas porque eu pensaba que era unha soa e eran dúas.
A razón foi que eu quería ter algo de patio e un sitio onde facer cousas, pero logo, ao arranxala como a miña e xa vivindo nela, pensei en montar un proxecto do que poder vivir. Así, collín o paro que tiña de dous anos, tirei de aforros e dediqueime en corpo e alma en arranxar as casas de luns a domingo 12 horas ao día, e dinme de conta de que non me chegaba o tempo.
Aos dous anos saíu o proxecto da Fundación de Oso Pardo para plantar árbores e estiven traballando alí 9 meses, mentres intentaba seguir coa obra, pero era difícil. Despois de ter aforrado diñeiro con ese traballo, seguín coa obra e volveume pasar o mesmo: non me daba o diñeiro e, ademais, veu o do incendio no Courel. Polo que deixei a obra e empecei a traballar en Tragsa e despois en Seceda na poda do souto. Ao final do ano pasado xa me puxen a tope coa obra e abrín este mes de agosto.
Como resumo, foi un tempo de altibaixos todo o tempo, nunca se cumprían os prazos que me propoñía, o traballo era duro e o volume non sabes canto é ata que estás nel, xurdiron inconvenientes... pero conseguímolo.
Como se tomou a xente do teu arredor esa decisión?
Ao principio tomárono moi mal. Eu coa miña familia teño unha relación moi boa, no primeiro momento, concretamente meu pai tomouno fatal porque el quería que me quedara no taller que tiña, que me quedara alí… Foi un xiro de guión para eles, pero despois fórono aceptando co tempo.
Ao rematar a casa e decidín mercar outra e abrir o negocio de turismo rural foi outro momento duro para eles porque para eles vir aquí é un atraso, é unha aldea no medio no monte, é un atraso na vida. Para min non é así, non necesito a aprobación de ninguén nin o beneplácito de ninguén… Eu escoito e aprendo, pero teño as cousas claras.
Como é a súa situación actualmente en Folgoso do Courel?
Cando eu me vin para aquí a xente pensaba que estaba louco, que estaba como fuxindo de algo, xa que vas a un sitio onde non hai ninguén… agora que teño un negocio e teño unha vida montada e estruturada, a xente ve a parte económica e agora son listísimo e visionario. A mesma persoa que estaba louca, agora é intelixentísima e ten sorte…
Eu estou contentísimo coa miña vida, valoro o silencio, a tranquilidade, ser dono do meu tempo e da miña vida. Para min é un soño saír da casa e ter esta contorna e compartir vida coa persoa que quero. Non necesito miles de persoas, necesito que quen o comparta comigo teña esa mesmo sentir, que lle guste e estea aberta a desfrutar dunha contorna así, das montañas… que iso lle sexa reconfortante.
A vida aquí ten cousas boas e malas, a min compénsame. Si que e certo que para desprazarnos as infraestruturas están como están, e nós entendemos onde estamos e non vai haber unha autovía, pero debería haber uns mínimos… Cando a miña parella vai traballar, teño a dúbida de se vai chegar ben ou non. Temos que ter unha revisión das infraestruturas, xa que hai 12 anos que veño a Seceda e daquela a estrada estaba vella, e agora máis porque non se tocou.
Por outra banda, só temos cobertura cun operador e moitas veces non hai cobertura, internet tampouco vai. Hai xente que estaría disposta a vir vivir aquí, pero non pode teletraballar. Cando vives aquí sabes o que hai, eu cando chegaba non podía avisar aos meus pais de que chegaba. Agora mellorou, pero ten que mellorar moitísimo máis para que á xente nova lle compense vir aquí e beneficiarse dos traballos en remoto, polo que necesitamos unha revisión.
Con respecto á vida social, en Seceda somos dúas parellas novas e aínda temos relación social, xuntámonos nunha casa dunha señora que ten unha casa rural e isto dálle vida a ela, porque é importante que nós, como xente nova, vaiamos a vela. Pero se es unha persoa que necesita moitos estímulos continuos e distraccións e todo ao alcance da man, non podes adaptarte a vivir aquí.
En resumo, eu pídolle ás administración que manteñan as infraestruturas decentes, eu non lle custei nada a administración, non tiven ningunha subvención, polo que só lles pido que, xa que eu non lles pedín nada antes, axuden a manter agora os recursos básicos para que eu poida vivir aquí.
Tamén me gustaría que manteñan limpas as tres rutas que hai por Seceda para que a xente que veña a vernos poida descubrir as rutas de Seceda e manter vivo os negocios.
A miña casa non se entende sen a contorna que a rodea: todo está ligado a ela, iso é que quero, que a casa estea vinculada á contorna e a experiencia tamén.