Invisten case 400.000 euros na mellora de estradas provinciais en Barreiros e Pantón

AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Xunta de Goberno da Deputación aproba a adxudicación das obras de mellora en tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Barreiros e Pantón
xunta-de-Goberno-estradas-provincias
18 Out 2024

A Xunta de Goberno da Deputación aproba a adxudicación das obras de mellora en tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Barreiros e Pantón, cun investimento que ascende a preto 400.000 euros. Así o avanzou tras a reunión celebrada no Pazo de San Marcos o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón,quen sinalou que estas novas obras “forman parte do esforzo inversor da institución por seguir mellorando no conxunto da provincia a rede viaria provincial”, a máis extensa de todas as Deputacións de España con máis de 4200 quilómetros, e tres veces maior ca da propia Xunta de Galicia en Lugo.

En concreto, na reunión saíu adiante a adxudicación á empresa Grupo Bascuas 2008 SL, por máis de 200.000 euros, das obras para mellorar o firme de algo máis de dous quilómetros da vía LU-P-0611, que vai dende o Barrio Novo ata a Praia de Coto, no concello de Barreiros. Os traballos que se realizarán desde o inicio da estrada, teñen un prazo de execución de 2 meses, e consistirán na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal e vertical.

“Esta estrada é moi importante porque parte da N-634, é dicir, da estrada xeral, ó pé do tanatorio, e remata na praia de Coto na vía que vertebra a costa. É unha das vías máis transitadas para acudir ás praias e que soporta un elevado número de tráfico, sobre todo nos meses de verán”, detallou Rivera Capón. No caso do concello de Pantón, a Xunta de Goberno sacou adiante a adxudicación do acondicionamento de dúas vías provinciais por un importe conxunto que ascende e preto de 155.000 euros. Trátase da LU-P-4107, que une Segade coa aldea de Marce, e o arranxo realizarase dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 4,5 cun orzamento de case 87.000 euros; e destinaranse preto de 68.000 euros á mellora da LU-P-4106, que vai desde a zona do Carme ata Curro para acondicionar algo máis de 6 quilómetros desde o inicio desta vía. O prazo de execución é de dous meses.

0.20536398887634