Invisten 120.000 euros na reforma do aparcadoiro do polígono do Reboredo, en Monforte

RibeiraSacraXa
Este novo investimento súmase aos case 200.000 euros concedidos en anos anteriores dentro do mesmo programa
polígono-Monforte
7 sep 2024

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia investirá 120.000 euros este ano na reforma e ampliación do aparcadoiro do polígono do Reboredo, en Monforte de Lemos. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o lugar onde se levará a cabo a obra, que será cofinanciada a través do programa de achegas para a mellora dos parques industriais dos concellos galegos.

Este novo investimento súmase aos case 200.000 euros concedidos en anos anteriores dentro do mesmo programa, que permitiron mellorar as infraestruturas viarias do polígono. Entre estas actuacións, destacou o acondicionamento e ampliación dun camiño público que pecha o parque polo lado Leste.

Segundo explicou Arias, esta convocatoria anual de axudas ten como obxectivo "potenciar os polígonos industriais e fomentar o asentamento de novas empresas que xeren emprego". Ademais de Monforte, a localidade de Chantada tamén recibirá apoio en 2024 para mellorar a rede viaria do seu parque empresarial.

As achegas, cun límite máximo de 120.000 euros por proxecto, están destinadas a diversas actuacións como a instalación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, sistemas de seguridade, subministración de gas e hidróxeno verde, ademais de melloras en infraestruturas viarias, que son as intervencións máis solicitadas.

0.19740200042725