Grupo O Recanto de Quiroga: “Non temos un repertorio fixo, igual son máis de 300 cancións”

RibeiraSacraXa
A variedade de estilos, unha selección de pezas que cambia con cada actuación e as ganas por compartir a súa paixón pola tradición definen a maneira de sentir a música da banda, que suma máis de dúas décadas de vida Lucía Blanco As festas e as alboradas en Quiroga e na súa contorna non se lles resisten.
grupo_de_gaitas_o_recanto_quiroga
28 Xan 2024

A variedade de estilos, unha selección de pezas que cambia con cada actuación e as ganas por compartir a súa paixón pola tradición definen a maneira de sentir a música da banda, que suma máis de dúas décadas de vida

Lucía Blanco

As festas e as alboradas en Quiroga e na súa contorna non se lles resisten. Roberto e Miro —dous dos fundadores— xunto con Luis, Toño, Germán, Fernando e Martiño forman o grupo de música tradicional O Recanto, que leva dende o 1999 amenizando as xuntanzas e creando comunidade no concello quirogués.

“Basicamente o grupo naceu para divertinos e pasalo ben entre nós, non é para nada un negocio, pero a cousa foi medrando e íannos chamando cada vez máis”, conta Germán, que xa leva uns 12 anos na banda. Cadrar horarios entre os integrantes da agrupación e compaxinalo cos traballos non resulta precisamente sinxelo, especialmente no verán porque “ás veces chámante entre semana e aínda que temos bastante flexibilidade, segue sendo algo complicado”.

O forte para eles concéntrase nos meses de xullo, agosto e parte de setembro, porque “tocamos todas as fins de semana e mesmo algún día entre semana”, así que se van repartindo. “Máis de 6 non adoitamos ir, ás veces en vez de levar 3 gaitas, levamos 2, bombo, tambor e acordeón”. Pero o calendario durante o inverno tampouco está baleiro.

Neste primeiro mes do ano xa actuaron nas festas de San Vicente de Margaride, na parroquia quiroguesa de Quintá de Lor, e nos Cantos de Taberna de Rúa, xa que ademais do grupo de gaitas, puxeron en marcha outra agrupación, O Recanto e Amigos, para continuar con esta tradición con especial arraigo no rural.

“Xuntámonos entre unhas doce e quince persoas, porque ademais de tocar tamén veñen a cantar unhas pezas. Imos a case todos os Cantos de Taberna de aquí e da contorna, á Pobra do Brollón, a Tribes, a Rúa, ao Courel...”, explica Germán. As próximas semanas tamén comezan a estar algo completas para O Recanto. “Estaremos no San Blas en Pacios de Mondelo o sábado 3. Despois nas Letras Galegas sempre nos trae o Concello e logo vén Semana Santa coa Feira do Viño”.

Repertorio vivo

Mentres estes amantes da música tradicional manteñen a súa cita fixa cada martes, día no que se concentran cada un dos seus ensaios aínda que “ás veces charlamos máis que ensaiamos”, engade entre risas. E fano no lugar onde todo comezou, no Recanto da Praza. “Miro vive na zona da praza de Quiroga, que é a zona vella e nela hai un recuncho ou un recanto, onde ten a súa casa. É o lugar onde ensaiamos e o que lle dá nome ao grupo”.

A banda xa forma parte da historia viva de Quiroga. “Aínda que nos teñen bastante vistos aquí no Concello, porque levamos moitos anos e somos veciños, ás veces xuntámonos polos bares e tocamos e vemos que lle gusta á xente”. A variedade de estilos define a súa maneira de entender a música. “Temos de todo, muiñeiras, pasodobles, jotas...”.  E o repertorio, entre o que se cola algunha das pezas típicas “que che piden moitas veces como 'A Muiñeira de Chantada'”, tampouco pasa desapercibido.

“Nunca temos un fixo, imos según a marcha e igual son máis de 300 cancións. Vas tocando as que vas recordando e despois pode haber unha peza que igual levas anos sen tocala e queres darlle unha volta, entón toca ensaiar un pouco”, asegura Germán. Dende logo ganas non lles faltan para seguir aumentando o seu repertorio, por continuar compartindo a súa paixón pola música e a tradición e, sobre todo, “para continuar xuntándonos, que para iso seguimos”.

0.19445204734802