Folgoso do Courel aproba un orzamento que ascende a 1,5 millóns de euros
O Concello de Folgoso do Courel vén de aprobar os orzamentos municipais para o 2021, que ascenden a 1.549.444 euros. As contas saíron adiante cos votos a favor do equipo de goberno, do PP, e coa abstención de PSOE e Courel Vivo.
O goberno local salienta que o orzamento aprobado reforza a contía destinada a gasto social e a investimentos reais. En concreto, o gasto social, di a alcaldesa Lola Castro, "absorbe un cuarto do orzamento municipal para atender todos os programas sociais, o servizo de axuda a domicilio nas súas dúas modalidades, o programa Xantar na Casa, así como os gastos derivados dos mesmos: auxiliares, traballadora social, desprazamentos, etc".
O Concello de Folgoso do Courel manterá este ano as axudas que concedeu no 2020, ás que se engade unha nova para o transporte dos maiores con poucos ingresos. Desde o goberno local adiantan que desenvolverán unhas bases para que, unha vez aprobados de xeito definitivo os orzamentos, os maiores que o precisen poidan solicitar estas subvencións.
"Mantéñense ademais as subvencións para o CEIP Poeta Uxío Novoneyra e a Anpa, as axudas para a adquisición de libros e material escolar, as de apoio á natalidade, transporte e tamén para emerxencia social", explica a rexedora do Courel.
No tocante a investimentos reais, os orzamentos dedican unha partida de 250.000 euros, que se destinarán a diversas obras e á mellora de accesos e camiños rurais, como é o caso dos accesos á contorna da igrexa de Esperante.
A estas actuacións súmase a pavimentación en rúas e a rexeneración de estradas en Seceda, Miraz, Parada, Eiriz ou Noceda, entre outras. O obxectivo, segundo Lola Castro, é "ter as estradas do Concello en perfectas condicións, para o que xa empezamos a botar aglomerado nas estradas municipais".
NOVO MIRADOIRO
O Concello de Folgoso do Courel aposta, en materia de turismo, polo obradoiro de emprego que, entre outros cometidos, está a recuperar a alvariza de Santa Eufemia. O goberno local proxecta ademais unha área de autocaravanas na mesma zona e a construción dun miradoiro no Alto do Boi para as persoas con mobilidade reducida.
Tamén se seguirá traballando, di a alcaldesa, na rede de itinerarios tras a adhesión á Red de Instalaciones Permanentes de Trail Running de España co obxectivo de promocionar actividades saudables e reactivar o turismo deportivo especializado.