Finalizadas as obras da nova vía que une as fases 1 e 2 do Polígono de Os Acivros, en Chantada

RibeiraSacraXa
O proxecto contou cun investimento de 150.000 euros e consistiu en transformar un camiño de terra nunha vía equipada con todos os servizos de saneamento
poligono-os-acivros-chantada
4 Dec 2025

O Concello de Chantada finalizou a apertura dunha nova vía que une as fases 1 e 2 do Polígono de Os Acivros, mellorando así a circulación e o acceso a varias parcelas. Esta actuación foi posible grazas a unha subvención da Xunta de Galicia destinada á mellora de infraestruturas nos parques empresariais.

O proxecto consistiu en transformar un camiño de terra nunha vía equipada con todos os servizos de saneamento, ademais de cubrila cunha capa de aglomerado en quente. A calzada delimitouse co borde das parcelas, preparando o terreo para a futura construción de beirarrúas. As obras contaron cun orzamento de 150.000 euros.

Esta nova vía non só mellora a mobilidade dentro do polígono, senón que tamén facilita o acceso a tres parcelas situadas na fase 1 que xa foron vendidas, e onde próximamente comezarán a instalarse diferentes negocios.

Nos últimos catro anos, o Concello de Chantada veu solicitando axudas similares, coas que a Xunta achegou o 80 % do custe. Grazas a estas subvencións, explican dende o consistorio, reasfaltáronse pistas internas e accesos, mellorouse a depuradora (EDAR) e aumentouse a potencia eléctrica dispoñible para as empresas do polígono.

Coa próxima convocatoria de subvencións, o Concello planea seguir investindo nesta infraestrutura, contemplando traballos como o repintado, a construción de beirarrúas, así como melloras na iluminación e na seguridade.

Doutra banda, dende o Goberno municipal explican que continúan a traballar na ampliación do polígono, que actualmente ten todas as súas parcelas vendidas. “Temos xa presentada unha modificación puntual do PXOM para poder acometer a ampliación do Polígono, estamos pendentes dos informes sectoriais das diferentes administracións e queremos darlle luz verde a isto para poder poñer solo industrial á disposición dos cidadáns e das empresas de Chantada e das de fóra que queiran asentarse aquí. Co Polígono tentamos ofrecer os medios para crear riqueza e postos de traballo na vila”, sinala o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

⚙ Configurar cookies
0.074491024017334