Esta fin de semana celebraranse as I Xornadas de Desenvolvemento Rural do Imposible ao Posible, no Courel
A Estación Científica de Seoane do Courel acolle as ‘I Xornadas de Desenvolvemento Rural do Imposible ao Posible’ os vindeiros 23 e 24 de setembro no marco das actividades vencelladas á celebración do 25 aniversario da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel.
A actividade, que conta coa axuda da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo no marco do convenio asinado para apoiar o conxunto de accións desenvolvidas arredor do 25 aniversario, pretende xerar diálogo entre diferentes iniciativas de emprendemento e fomentar os coñecementos e recursos das persoas emprendedoras en territorios de montaña.
O encontro incluirá palestras e mesas redondas orientadas á transmisión de recursos, experiencias e coñecemento a persoas interesadas en desenvolver iniciativas produtivas e vitais no rural.
Así, durante o transcurso das xornadas, exporanse proxectos profesionais e vitais asentados en territorios rurais, iniciativas comunitarias como a da Comunidade de Montes de Carballo, que fai unha aposta polo aproveitamento silvopastoril do monte ou a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, que promove os circuítos curtos de comercialización e o consumo local a través da creación de plataformas locais.
Máis iniciativas
Ademais, haberá proxectos de produción e transformación agroalimentaria e experiencias de promoción do turismo sustentable e dinamización local. Tamén serán obxecto de debate e análise as diferentes estratexias de desenvolvemento territorial promovidas polos Grupos de Desenvolvemento Local da contorna ou os servizos de promoción do emprendemento a partir das testemuñas de persoas expertas de distintos niveis da administración.
No encontro terán un papel fundamental os proxectos emprendedores do territorio, xerándose espazos para a convivencia, o diálogo e o debate, así como dinámicas participativas que intentarán promover a creación de sinerxías entre axentes.
Así mesmo, o evento será escenario de estrea do documental ‘Doe o Courel’, o sábado 23 ás 18.00 horas, un filme dirixido polo artista multidisciplinar Xacobe Meléndez Fassbender que narra, a través das voces dos seus protagonistas, Óscar Carrete e Sonia García, veciños do Courel, as súas vivencias e percepcións tras a vaga de lumes acontecida en xullo de 2022, que arrasou con máis de 13.000 hectáreas de superficie.
Despois da proxección do documental abrirase un espazo para o debate e o intercambio sobre a realidade forestal do país. Incricións Toda a programación amosa e reivindica o potencial existente no rural, e máis concretamente nos espazos de montaña.