Esperta Monforte pedirá no pleno abrir un debate para asegurar a viabilidade do viño na Ribeira Sacra
Esperta Monforte presentará ao Pleno da Corporación do Concello de Monforte unha moción para o apoio ao viñedo na Ribeira Sacra, que tamén será debatida nos Concellos de Sober e Chantada a través dos Partidos políticos de Agroma Sober e Por Chantada.
O obxectivo é abrir un debate para asegurar a viabilidade do viño na Ribeira Sacra, xa que "temos que ser conscientes de que cada vez nas nosas Ribeiras hai menos viticultores, cunha media alta de idade, que con perspectivas como as actuais non se asegura un relevo xeracional", explican desde o partido.
Así, lembran que "xa na pasada vendima, houbo colleiteiros que non venderon a súa produción e agora temen que queden toneladas sen recoller. Mentres hai xente que se queda sen vender a súa produción, estanse autorizando novas plantacións que non están na nosa identidade do "Socalco", senón en lugares onde nunca se produciu viño, en lugares non configurados das características propias de produción da Ribeira Sacra", critican.
Por todo isto, aseguran que a situación "é moi grave e compre diálogo para contribuír ás solucións para evitar a perda dun eixo económico importante e tamén social e de identidade cultural".
Así, conclúen que "non hai Patrimonio da Humanidade sen persoas e sen Ribeiras e tampouco hai futuro digno para as persoas nin para as parroquias sen un sector primario onde a agricultura familiar sexa viábel".
Dende Espertamonforte reivindican o máximo apoio da administración, especialmente da Xunta de Galicia con competencias no sector, e un diálogo e foros técnicos para abordar solución a curto e medio prazo; "non deixar tirada a xente que mantén vivo o territorio e a nosa Ribeira Sacra ten que ser o obxectivo".