O BNG rexeita a formulación de Esperta Monforte sobre unha posible moción de censura contra José Tomé

RibeiraSacraXa
Os nacionalistas lembran que os números non dan pero advirten que a cidade está “nun momento político e institucional de extrema delicadeza” e convocan un consello comarcal de urxencia
casa-concello-monforte
11 Dec 2025

O BNG de Monforte considera que a moción de censura anunciada por Esperta Monforte “é unha ocurrencia politicamente inviable, xa que non dan os números necesarios para que prospere”. O grupo xustificaba a proposta para comprobar os apoios de José Tomé entre os concelleiros, unha proposta que os nacionalistas descartan por completo.

Ademais, dende a formación nacionalistas consideran que “unha moción de censura implicaría facerlle o traballo ao propio equipo de goberno, que é quen debería asumir a responsabilidade e forzar a renuncia de Tomé”.

Porén, os nacionalistas non descartan “analizar outros instrumentos democráticos, como unha posíbel moción de confianza”, pero recalca que “todo isto son escenarios hipotéticos que deberán estudarse con calma, rigor e profundidade”. O BNG subliña que “non entrará en dinámicas de improvisación nin en movementos precipitados” e que actuará “con responsabilidade, avaliando con seriedade cada opción para garantir o ben común e a estabilidade institucional da cidade”.

En relación á situación xerada tras as denuncias internas por presunto acoso sexual contra José Tomé, presentadas por varias mulleres vinculadas ao seu propio partido e difundidas polos medios de comunicación, o BNG expresa a súa “profunda preocupación” e sinala que esta circunstancia sitúa a Monforte “nun momento político e institucional de extrema delicadeza”.

Respectando a presunción de inocencia, o BNG lembra que existen “principios básicos de responsabilidade pública que deben aplicarse sempre” e considera “incoherente e politicamente incomprensible que José Tomé renuncie á Presidencia da Deputación de Lugo e, á vez, pretenda continuar á fronte da Alcaldía de Monforte”. Ademais, apuntan que “o propio Tomé esixiu no pasado dimisións inmediatas noutros casos en situacións similares; por tanto, a coherencia democrática non pode ser selectiva”.

Os nacionalistas tamén mostran a súa “preocupación” polo feito de que “todas as concelleiras e concelleiros do PSOE en Monforte decidisen manter o seu apoio a Tomé ata o punto de darse de baixa do seu propio partido”, un feito que, segundo o BNG, “transmite unha mensaxe profundamente contraditoria: non se pode afirmar estar ao lado das vítimas e, ao mesmo tempo, avalar politicamente a quen se nega a asumir responsabilidades”.

O BNG tamén chama a atención sobre o impacto desta situación no traballo institucional, especialmente no ámbito da igualdade, preguntándose “como pode a Concellería de Igualdade impulsar campañas contra a violencia machista se, na práctica, se sostén a alguén sobre quen recaen denuncias por condutas desta natureza?” e cuestionando “que confianza poden ter as mulleres que deron o paso de denunciar nunhas institucións cuxas accións contradín o discurso público de defensa das vítimas”.

Por todo iso, o BNG reitera que “non é asumible que José Tomé continúe como alcalde”, que “a institución e a cidadanía merecen estabilidade, rigor e respecto” e que manteñen “un apoio firme e inequívoco ás vítimas”.

Para tratar esta situación, o BNG comarcal da Ribeira Sacra convocará esta noite un consello comarcal de urxencia “para valorar con rigor todos os escenarios posibles, priorizando sempre o interese da cidadanía de Monforte”.

⚙ Configurar cookies
0.080296993255615